En 1984, un ano despois de ser aprobada no Parlamento a Lei 3/1983, de normalización lingüística, o Concello de Santiago de Compostela convocou unha asemblea de concellos galegos á que acudiron máis de 100 rexedores e na que se aprobou a “Declaración dos alcaldes galegos reunidos en Santiago de Compostela” [.pdf, 141 KB]
Agora, vinte e cinco anos despois, e logo de que o Concello de Santiago de Compostela xa aprobase no mes de maio unha nova declaración, a Federación Galega de Municipios de Provincias (Fegamp) súmase á conmemoración do 25 aniversario e organiza un acto que terá lugar o venres 10 de xullo ás 12.00 h no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.
Para ese acto, a Fegamp e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística propoñen a aprobación dun novo texto que se refire só á galeguización das actividades das policías locais e das asesorías xurídicas dos concellos, e non a todos os ámbitos municipais, como si se fixo coa Declaración institucional para o impulso social da lingua galega que o Concello de Santiago de Compostela aprobou en maio deste ano non só para conmemorar, senón sobre todo para renovar, actualizar e fortalecer aquel compromiso inicial de 1984.
A Fegamp tamén conmemora os 25 anos da Declaración de alcaldes de Compostela para a defensa da lingua nas corporacións locais
En maio de 1984, máis de 100 rexedores asinaron a "Declaración dos alcaldes galegos reunidos en Compostela", na que se manifestaba a necesidade de protexer e promover o uso da lingua galega desde a administración local. Agora, o día 10 de xullo, a Fegamp convoca novamente os concellos galegos para conmemorar o 25 aniversario daquela declaración.