En declaracións do seu presidente, Carlos Fernández, a Europapress, a entidade que agrupa os concellos galegos, a Fegamp, decidiu non asistir ao acto de constitución da Rede de Dinamización Lingüística que tivo lugar o pasado 28 de outubro “por coherencia”, pois despois de que a Xunta anunciara a suspensión das axudas para a normalización lingüística nos concellos, a constitución desa rede considéraa un “paripé”.
Igual que fixo a CTNL, o presidente da Fegamp tamén declinou asistir a ese “acto folclórico” por “coherencia” tras a retirada das subvencións aos municipios, e considerou “un contrasentido” que a Xunta “monte unha operación de imaxe ao crear unha rede sen contido económico e sen ningún compromiso” mentres “abandona” o “traballo real” que se leva a cabo dende o ámbito local para normalizar o uso do galego.
Segundo informa Europapress, a retirada por parte do Goberno galego das axudas para o fomento da lingua nos concellos supón un risco tamén para “un montón de actividades” pensadas para fomentar o uso do galego. Nas administracións públicas, nos establecementos hostaleiros e nos colexios, ademais de cursos para emigrantes para que poidan aprender o idioma de Galicia. “O abano de actuacións é enorme”, describiu.
Non obstante, o “complicado” da actual situación económica fai “perigar a súa continuidade”, toda vez que as administracións locais “non adoitan ter medios para facer fronte” en solitario” ao gasto que levan consigo. “Por responsabilidade, algúns apertaranse aínda máis o cinto e porán fondos propios, pero outros non poderán”, evidenciou, tras puntualizar que a dinamización lingüística “non é unha competencia municipal”.
En todo caso, a Fegamp ve “chocante” é que se retiraran os fondos a unha rede xa existente “o mesmo ano” que crea outra nova “sen ningún fundamento”.
A Fegamp critica a suspensión das axudas a SNL e desmárcase da Rede de Dinamización Lingüística
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) tampouco acudiu, ao igual que a CTNL, á constitución da Rede de Dinamización Lingüística, en sinal de protesta pola suspensión das axudas a SNL municipais e para desmarcarse dese Rede