A Deputación da Coruña financia os servizos de normalización lingüística de 43 concellos

A Deputación da Coruña asinou convenios para o financiamento de servizos de normalización lingüística de 43 concellos. A esta acción o organismo provincial destina este ano máis de 500.000 euros.

Os concellos que asinaron os convenios son: Vilasantar, Santiso, Boimorto, Frades, San Sadurniño, Dumbría, Boqueixón, Tordoia, Cariño, Vedra, Cabana de Bergantiños, Mazaricos, Cerceda, Oroso, Arzúa, Ponteceso, Ortigueira, Cee, Outes, A Laracha, Ordes, Oleiros, As Pontes de García Rodríguez, Abegondo, Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Carballo, Carnota, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Miño, Muros, Muxía, Pontedeume, Santiago, Teo, Val do Dubra, Vimianzo e Ribeira. Do total dos concellos, 19 asinan o convenio por vez primeira e o resto, é dicir, 24, prorrogan o acordo coa Deputación. As cantidades que van percibir oscilan entre os 12.000 e 6.000 euros.

Xoán Manuel Sande, responsábel da área de Normalización Lingüística da Deputación coruñesa destacou que “as administracións locais teñen que xogar un papel fundamental na normalización e na dignificación do noso idioma, é por iso que desde a Deputación da Coruña se presentou hai uns anos a posibilidade de conveniar cos concellos que así o desexaren a creación e o mantemento de servizos de normalización lingüística”. Tamén sinalou que “a convocatoria de axudas deste ano foi un éxito, pois case duplica o número de concellos que van contar cun SNL, xa que se chegará a preto da metade dos concellos da provincia”.

No acto de sinatura tamén se lembrou que a Deputación da Coruña participará coa Xunta no Consorcio para a Planificación Lingüística, para así darlle estabilidade, continuidade e un carácter transversal á política lingüística e aos departamentos técnicos de normalización, sen que dependan de puntuais subvencións.

I ENCONTRO DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA DESDE AS ADMINISTRACIÓNS LOCAIS DA CORUÑA

No acto de sinatura dos convenios tamén se anunciou a organización dun encontro que terá lugar no Pazo de Mariñán o vindeiro 28 de novembro, coa finalidade de pór en contacto os/as distintos/as responsábeis políticos/as e técnicos/as das administracións locais para compartir experiencias e analizar posibilidades de accións en materia de normalización lingüística; debater e analizar a responsabilidade, as necesidades e as posibilidades das administracións locais na normalización social do uso do galego; dar a coñecer entre os/as distintos/as responsábeis políticos/as e técnicos/as propostas de acción e coordinación para a promoción social do uso da lingua galega desde a administración local; e deseñar conxuntamente liñas xerais de colaboración e pautas de coordinación e creación de rede entre as distintas administracións. Con este encontro colaborará a CTNL.

– Nova tirada do web da Deputación da Coruña.
En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Lingua vital xa!

Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística

Scroll ao inicio