A Deputación da Coruña convoca o X Premio Rosalía de Castro de Lingua
A Deputación da Coruña publicou no BOP de hoxe a convocatoria da décima edición do premio “Rosalía de Castro” de Lingua. O obxectivo xeral deste galardón é recoñecer a promoción e dignificación desinteresada do noso patrimonio lingüístico. O prazo para presentar candidaturas finaliza o 30 de maio.
O Premio “Rosalía de Castro” de promoción da lingua galega está destinado a recoñecer iniciativas, traballos recentes, traxectorias de persoas individualmente, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico, quer na provincia, quer no ámbito galego. Terase especialmente en conta o traballo con aqueles sectores de especial relevancia para o futuro do galego.
DESTINATARIAS/OS
Calquera persoa, colectivo, asociación ou entidade ligada a proxectos de promoción do galego, coa súa residencia ou sede social no territorio galego e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña.
CATEGORÍAS
Establécense dúas categorías con cadanseu premio de 3.000 euros:
A) Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2019 a aquela persoa, colectivo, entidade ou asociación que máis destaque na promoción da lingua galega
B) Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2019 a aquela persoa, colectivo, entidade ou asociación que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade
CRITERIOS QUE SE VALORAN
– Tarefa continuada desenvolvida a favor da promoción da lingua galega
– Actuacións concretas (previstas ou desenvolvidas) no ano 2019 a favor da dignificación social do galego
– Uso habitual e digno da nosa lingua nas súas actividades e nos seus servizos
– Campañas de información e/ou publicitarias en galego
– Contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural
Para a categoría B) teranse en conta tamén:
– Labor dirixido especialmente aos tramos de poboación de menor idade, infancia e mocidade
– Traballo de promoción da lingua desde a perspectiva da transmisión xeracional
– Actuacións que teñan como obxectivo o fomento de actividades interxeracionais
O xurado poderá valorar outros méritos, que dará a coñecer, das persoas, colectivos ou entidades que se propoñan.
PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS
Pode presentar propostas calquera persoa ou entidade, mais non está permitido autocandidatarse.
PRAZO DE PRESENTACIÓN DE PROPOSTAS
Até o 30 de maio de 2019
COMO E ONDE SE PRESENTAN?
As propostas presentaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña, avda. do Porto 2, 15006 A Coruña (usando o modelo de solicitude anexo ás bases e indicando no sobre X Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2019) ou no enderezo electrónico normalizacion.linguistica@dacoruna.gal
Bases completas, en .pdf