A Unidade Técnica de Normalización Lingüística (UTNL) da Deputación da Coruña convoca o I Premio Rosalía de Castro de Lingua 2010, un galardón que se convoca cos obxectivos de recoñecer a aquelas persoas, empresas, asociacións ou entidades que, coa súa actuación, axudan a impulsar a presenza da lingua galega na provincia da Coruña, en particular, e na sociedade galega, en xeral, e de manter viva a memoria de Rosalía de Castro.
O premio, consistente nun recoñecemento público e nunha figura acreditativa, sen dotación económica, poderalle ser outorgado a calquera persoa, empresa, asociación ou entidade radicada en Galiza, entendendo como tales aquelas que teñan a súa sede social ou residencia no territorio da Comunidade Autónoma e aquelas que teñan unha especial incidencia ou desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña.
Aspectos que se valorarán no premio
Para a concesión dos premios, o xurado, formado por representantes de distintas entidades e sectores, terá en conta criterios como a tarefa continua desenvolta en favor da normalización lingüística do galego; actuacións concretas en favor da normalización dos usos sociais da lingua galega; uso habitual e normal do galego nas súas actividades e nos seus servizos; desenvolvemento de campañas de información e/ou publicitarias en galego; ou a contribución á galeguización de sectores de especial relevancia económica, social e cultural.
Premio aberto á presentación de propostas
Para este premio, calquera persoa ou entidade pode presentar propostas para que o xurado valore. O prazo de presentaciión de propostas é de 15 días hábiles, a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (bases publicadas o 15/4/2010). O prazo remata o 4 de maio.
Entrega do premio na III Festa da Lingua
A entrega do premio terá lugar no transcurso da Festa da Lingua, que neste 2010 chega á súa terceira edición e que terá lugar en Bertamiráns, en Ames, o venres 28 de maio.
Bases completas e modelo de presentación de candidaturas
–Bases completas da Convocatoria do I Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2010 (.html)
–Bases completas da Convocatoria do I Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2010 (.pdf)
–Modelo de presentación de candidaturas (.pdf)
A Deputación da Coruña convoca o I Premio Rosalía de Castro a iniciativas normalizadoras
Co obxectivo de recoñecer o labor dunha persoa, empresa, asociación ou entidade que, neste ano, destacase polo seu traballo na promoción e normalización da lingua galega, a Deputación da Coruña convoca o I Premio Rosalía de Castro de Lingua, para o que se poden presentar propostas até o 4 de maio