A Deputación Provincial da Coruña anunciou no BOP do 16 de outubro de 2024 as bases do programa de axudas para concellos e outras entidades locais para financiar gastos de persoal técnico de normalización lingüística en 2025. E no BOP do día 18 de outubro publicouse o extracto desta convocatoria, que sinala o prazo de presentación de solicitudes.
ENTIDADES DESTINATARIAS DAS AXUDAS
Poderán solicitar esta subvención concellos da provincia da Coruña de 5.000 ou máis habitantes ou agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais que, entre eles, cheguen ao mesmo número mínimo de habitantes.
No caso dos municipios sometidos ao réxime de organización de municipios de gran poboación de conformidade co título X da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, só poderán ter a condición de beneficiarios os municipios que teñan máis dunha persoa técnica de normalización lingüística cun posto de traballo recollido na relación de postos de traballo ou instrumento de ordenación de persoal que corresponda.
Só se pode presentar unha única solicitude por concello ou entidade, ou de ser o caso, agrupacións de concellos. É incompatible para cada un dos concellos facer solicitudes a nivel individual e, ao mesmo tempo, de forma agrupada. O incumprimento desta condición será motivo de exclusión.
IMPORTE DAS AXUDAS
As axudas servirán para financiar as retribucións do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística (SNL).
O importe total do crédito consignado (540.000 euros) distribuirase entre as entidades beneficiarias, que recibirán unha cantidade máxima de 20.000 eurosse a contratación se produce durante todo ano e a xornada completa. O importe reducirase en proporción á xornada desenvolvida polo persoal.
POSTOS DE TRABALLO SUBVENCIONADOS
O persoal financiado con base nesta convocatoria centrarase no desenvolvemento de políticas de normalización lingüística, polo que quedan excluídas das posibles liñas de traballo outras actividades cando non correspondan cos obxectivos da convocatoria. No caso de ter asignadas funcións diversas, o financiamento será minorado na porcentaxe correspondente da dedicación ás tarefas subvencionadas.
O persoal financiado a través deste programa está obrigado a realizar as actividades de formación que puidese programar a Área de Lingua da Deputación.
PRAZOS
O prazo de presentación de solicitudes vén fixado no extracto publicado no BOP do día 18 de outubro, a saber: do 21 de outubro de 2024 ás 08:00 h ao 21 de novembro de 2024 ás 14:00 h.
As solicitudes presentaranse telematicamente na sede electrónica da Deputación da Coruña, a través da plataforma de tramitación electrónica da Deputación (SUBTeL).
Así mesmo, na base 9.1 especifícase o prazo de xustificación das subvencións unha vez concedidas: do 1 de xaneiro de 2026 até as 14:00 horas do 30 de marzo de 2026.
Información máis detallada:
- Bases específicas reguladoras desta convocatoria, en .pdf (BOP do 16 de outubro de 2024)
- Extracto da convocatoria, en .pdf (BOP do 18 de outubro de 2024)