Unha nova edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela o sábado 10 de outubro ás 19.00 h. Teremos intervencións dun máximo de 15 minutos para transmitir de forma visual e divertida ideas, argumentos e consellos co fin de influír positivamente sobre o futuro do idioma.
As persoas convidadas a participar na décimo segunda edición falarannos de lingua e videoxogos, relación coa natureza, deporte, audiovisual, integración a través da lingua, oportunidades de aprendizaxe do portugués… As diferentes perspectivas e propostas axudarannos a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos para intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma.
Quen vai participar?
O programa desta nova edición do LGx15 é o seguinte:
- Inma Soto, educadora ambiental e contadora de historias, falaranos en Natureza ben contada das vantaxes de xogar, cantar, bailar e falar en galego.
- Telmo Celeiro, coordinador do espazo deportivo Ártabros Crossfit, faranos ir Ás alancadas coa lingua relacionando a defensa do idioma co deporte.
- A docente de lingua portuguesa Teresa Carro Sobral reflexionará sobre as oportunidades recíprocas entre galego e portugués no ámbito educativo en A chave de todas as portas.
- A creadora de contido dixital e divulgadora cubana Anita Mateu contaranos a súa experiencia De Cuba a Galicia: unha historia de integración a través da lingua.
- Jon Amil, integrante de Recuncho Gamer, analizará a situación dos videoxogos en Videojogos em galego? Existem!
- Rosa Moledo, especialista en tradución audiovisual, situará no presente do idioma os retos para a súa boa saúde no futuro coa intervención O futuro é importante, o presente é vital.
A edición deste ano será conducida en formato podcast polo Exército Mekemeke e contará coa música de Sofía Espiñeira.
Cando e onde vai ser?
A edición deste ano do LGx15 terá lugar o sábado 10 de outubro, ás 19.00 h, no Teatro Principal de Compostela.
Como consigo as entradas?
As entradas terán un prezo de 6 euros na venda anticipada (na billeteira electrónica de Eventbrite) e de 10 euros na billeteira o propio día do evento.
Toda a información no web
No web do proxecto, que inclúe un buscador para localizar de forma sinxela os vídeos dispoñibles, pódense consultar os 68 vídeos das intervencións das once edicións anteriores, alén de vídeos das actuacións musicais. O LGx15 grávase e difúndese en vídeos breves a través da rede, pois o principal obxectivo deste proxecto é que as ideas, propostas e experiencias cheguen ao maior número de persoas posible. Tamén se pode acceder ao material audiovisual a través da canle de YouTube da CTNL.
O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, o Concello de Santiago de Compostela, Deleite e a Fundación Galicia Sustentable, pensado para o entusiasmo, a diversión, a reflexión e o futuro do galego.
Máis información no web do LGx15, no perfil de Facebook do evento e nas nosas contas de X, Bluesky e Instagram.
Principal información
- Data e hora: sábado 10 de outubro ás 19.00 h
- Lugar: Teatro Principal de Santiago de Compostela
- Entradas: 6 euros en Eventbrite e 10 euros na billeteira
- Participantes: Inma Soto, Telmo Celeiro, Teresa Carro Sobral, Anita Mateu, Jon Amil, Rosa Moledo, Exército Mekemeke e Sofía Espiñeira
- Entidades colaboradoras: Secretaría Xeral da Lingua, Concello de Santiago de Compostela, Deleite e Fundación Galicia Sustentable




