As orixes da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) hai que buscalas nas denominadas Xornadas de Dinamización Lingüística que tiveron lugar en Vigo en marzo de 1995. Foi naquela actividade cando un grupo de técnicos e de técnicas de servizos de normalización lingüística constataron unha serie de problemas comúns, referidos principalmente á falta de contacto e coordinación entre eles/as, así como eivas e problemas no que respecta á formación ou á falta dunha voz única para a defensa dos intereses do traballo en normalización e mais para a presentación, defensa e difusión de propostas. Este foi o punto de arrinque.
É por iso que as primeiras relacións e tomas de contacto se dirixiron ao intercambio de información periódica das actividades e medios materiais con que contaban algúns destes técnicos e técnicas, de xeito persoal. Outro dos contactos iniciais intentouse coa, daquela, Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta, o órgano da nosa comunidade ao que se debería informar das inquedanzas deste colectivo e chegar a solucións, aínda que nun principio non tivo a resposta esperada. Pola contra, si foi moi enriquecedora a primeira visita formativa que realizaron os futuros membros da CTNL, grazas ao convite que lles fixo a DGPL da Generalitat de Catalunya.
Ao mesmo tempo íanse dando os primeiros pasos para a constitución e legalización da CTNL, cuxa acta fundacional se asinou o 15 de decembro de 1995 e que organizou a súa primeira asemblea xeral o 10 de febreiro de 1996. A súa inscrición no correspondente rexistro público de asociacións foi o 20 de xuño de 1966 (número 4357/1996).

A acta fundacional foi asinada pola primeira xunta directiva, que estivo constituída por Socorro García Conde (presidenta), Isabel Vaquero Quintela (secretaria), e por sete vogais: Beatriz Bascoi Maceiras, Rafael Villar González, Alberte González Montañés, Manuel C. Núñez Singala, Iolanda Galanes Santos, Marta Patricia Souto González e Manuel Bermúdez Blanco.
Despois de Socorro García Conde, ocuparon a presidencia, por esta orde, Valentín García Gómez, Concepción Cochón Rodríguez, Nel Vidal Barral, Anxos Sobriño Pérez e Mónica Fernández Valencia (desde marzo de 2024).
Así pois, desde os seus inicios e ata hoxe mesmo unha liña de traballo da CTNL consistiu en desenvolver actividades formativas centradas especialmente en cuestións pouco presentes nos currículos académicos (terminoloxía, lexislación lingüística…) ou que pola súa novidade non figuraban entre as competencias dos traballadores e traballadoras (caso da tradución asistida por ordenador e demais ferramentas informáticas), incluídas aquelas competencias que non son lingüísticas, mais que resultan necesarias en calquera proceso de intervención sociolingüística (márketing, animación sociocultural, técnicas de negociacións, redes sociais, dinámica de grupos, comunicación etc.) (véxase na sección de Formación a relación completa de cursos organizados).
Mais tamén desde un principio a CTNL xerou publicacións co fin de mellorar e impulsar o traballo realizado desde os SNL e, por extensión do proceso de normalización lingüística.
É o caso da proposta realizada á Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega para crear o Arquivo de Planificación Lingüística no ano 1996 –hoxe denominado Centro de Documentación Sociolingüística– que facía realidade unha das conclusións das Xornadas para a Normalización Lingüística de 1994 consistente na necesidade de dispor dun centro de documentación que recollese todas as iniciativas normalizadoras co duplo obxectivo de salvagardalas e asemade dalas a coñecer.
De dous anos despois é o Informe-proposta sobre a organización dos servizos lingüísticos locais en que se propón un novo modelo organizativo dos SNL municipais co fin de acadar unha maior eficiencia e coordinación. Foi presentado no marco dos II Encontros para a Normalización Lingüística e entregado a diversos organismos e entidades do país (institucións, partidos políticos etc.). Xa do período 2005-2007 é o estudo sobre a situación dos SNL en Galicia con propostas sobre a definición de perfís profesionais e os modelos dos procesos selectivos.
A estes tres aínda habería que engadir outros documentos con propostas do máis variado: mellora do sistema de formación en lingua galega de persoas adultas, procura da implicación das deputacións provincias no proceso de normalización lingüística etc.
Ademais, a CTNL colabora desde 1998 e de xeito ininterrompido co Consello da Cultura Galega na organización dos Encontros para a Normalización Lingüística e durante un bo número de edicións tamén estivo presente na elaboración dos contidos e programa do curso de verán de dinamización lingüística da Universidade da Coruña. Igualmente procura formar parte de todos aqueles procesos, iniciativas, mesas de traballo ou movementos vinculados á promoción da lingua galega, á súa extensión de usos e á defensa dos dereitos lingüísticos: a plataforma que a comezos de século defendeu a necesidade dun plan xeral de normalización lingüística; a plataforma Queremos galego (presente desde o seu nacemento no ano 2009); constitución da Asociación Puntogal –ctnl.gal foi no ano 2014 un dos 93 dominios pioneiros–; Comisión Asesora do Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega; Consello Municipal da Lingua do Concello de Vigo; Foro Social do Instituto da Lingua Galega.
Con máis de 150 socios e socias (basicamente persoal técnico das administracións publicas, e tamén profesionais de servizos lingüísticos e profesorado de lingua galega), a CTNL é a asociación de referencia dos e das profesionais da normalización lingüística da lingua galega e das persoas interesadas polo seu futuro, prestixio e avance en usos e ámbitos sociais e cuxos fins se manteñen inalterados: defensa do colectivo de técnicos/as de normalización lingüística e das súas condicións de traballo, a formación permanente e unha actitude propositiva baseada no traballo colaborativo, na mellora constante no proceso de normalización e a optimización dos recursos, a dinamización lingüística e a ampliación de usos para a lingua galega.