A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) é unha asociación de carácter non lucrativo de ámbito galego que foi creada en 1996 co obxectivo xeral de procurar paliar as principais eivas no traballo de normalización lingüística en Galiza

Os compromisos adquiridos desde o inicio e, ao mesmo tempo, os eixes da súa razón de existir son a defensa dos intereses xerais dos traballadores e das traballadoras de normalización lingüística no noso país, a súa formación continua e, en xeral, a mellora no proceso de promoción do uso e prestixio da lingua galega en todos os ámbitos da nosa sociedade.

Para isto, a CTNL promove o contacto e coordinación dos traballadores/as de normalización, difunde información sobre lingua, organiza accións formativas, elabora propostas para facer máis efectivo o traballo a prol do galego, defende os intereses dos traballadores e das traballadoras da lingua, procura a mellora no proceso de promoción social do uso do galego, etc.
Estatutos
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) é unha asociación de carácter non lucrativo e de ámbito galego con capacidade xurídica e plena capacidade de obrar, que se rexe polas normas dos seus estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e polas demais normas complementarias.
Obxectivos
Os FINS da CTNL son:
- Defender os intereses xerais das traballadoras e dos traballadores de normalización lingüística de Galiza e da dignidade das condicións de traballo dos servizos lingüísticos.
- Promover a formación continua no eido da normalización da lingua.
- Elaborar propostas para facer máis efectivo o traballo a prol da normalización da lingua.
- Promover o uso e prestixio da nosa lingua en todos os ámbitos da sociedade galega.
E, para o cumprimento destes fins, a CTNL realiza diversas ACCIÓNS, como:
- Organizar cursos, xornadas, encontros, conferencias e outras actividades que contribúan á formación e actualización profesional das súas socias e dos seus socios.
- Promover a elaboración e edición de publicacións, en papel e na rede, para difundir todo tipo de información que atinxa á normalización lingüística e se considere de interese para os fins da asociación.
- Participar en intercambios, viaxes e calquera outra clase de actividades que lles permitan aos socios e ás socias coñecer outras realidades relacionadas cos fins xerais da asociación.
Elaborar e difundir propostas para mellorar as condicións de traballo na normalización da lingua galega. - Fomentar as relacións de colaboración coas institucións públicas, empresas privadas e outras organizacións non lucrativas que permitan un mellor cumprimento dos fins fundacionais.