A CTNL solicitoulle ao Concello de Cambre a modificación das bases da convocatoria dunha praza de TNL
A CTNL dirixiuse ao Concello de Cambre para solicitarlle a modificación da relación de funcións na convocatoria dunha praza de técnico/a de normalización lingüística, así como a supresión de temas específicos non acordes coas funcións específicas dunha praza de TNL.
O Concello de Cambre convocou recentemente un proceso selectivo (concurso-oposición) para contratar un/unha técnico/a de normalización lingüística interino/a e para elaborar dunha listaxe de reserva para nomeamentos de técnicos/as de normalización lingüística interinos/as.
Nesta convocatoria establécense como tarefas que deberá desenvolver a persoa que se seleccione “elaborar un manual básico de documentación administrativa e xurídica”. Desta forma, restrínxense os labores do/da futuro/a técnico/a á área de asesoramento lingüístico e, en concreto, á elaboración de modelos documentais.
Por tanto, a CTNL solicítalle ao Concello de Cambre que amplíe as funcións do posto de traballo dentro das áreas xeral, de dinamización lingüística, de formación sociolingüística e de asesoramento lingüística. Alén disto, esas funcións ampliadas concordan en xeral co temario especifico, que si abrangue todas estas áreas de coñecemento.
TEMAS ESPECÍFICOS DE CULTURA
A segunda solicitude da CTNL ao Concello de Cambre ten que ver co temario específico desta convocatoria. Nel inclúense os seguintes temas:
– Tema 14. Definición de cultura. Cultura, política e territorio: conceptos básicos
– Tema 15. Os axentes culturais: concepto, clasificación e funcións
– Tema 16. As institucións culturais como organizacións da complexidade [sic]
– Tema 69. A produción, a distribución e o consumo da mensaxe publicitaria na industria cultural
De acordo coa listaxe de funcións que se anexa coa solicitude, o contido destes temas non é específico para os labores que ten que desenvolver un/unha técnico/a de normalización lingüística. Xa que logo, solicitamos ao Concello de Cambre a supresión destes temas do temario específico de técnico/a de normalización lingüística.
Solicitude da CTNL, en .pdf
Anexo á solicitude, en .pdf.