Logo da publicación no Diario Oficial de Galicia do 9 de febreiro de 2011 da Resolución do 13 de xaneiro de 2011 pola que se convocan probas selectivas para a provisión de dúas prazas de técnico de grao medio en normalización lingüística vacantes no cadro de persoal laboral, desde a CTNL, dirixímonos o pasado 24 de febreiro ao reitor, ao secretario xeral e mais á xerenta da UdC para expresarlles que, debido ás funcións reais que se teñen que desenvolver e aos coñecementos e capacidades necesarias para desenvolvelas, as prazas de técnico/a de normalización lingüística deben ser de grupo I, e non de grupo II, tal e como foron creadas no cadro de persoal da UDC e, polo tanto, tal e como se convocan agora.
E con respecto ao proceso selectivo, que na fase de concurso a experiencia laboral na UDC conte máis de catro veces que a experiencia laboral noutras administracións (0,625 fronte a 0,15 puntos por mes) a CTNL considérao inxusto e esaxerado. Que a experiencia laboral na mesma entidade se puntúe máis que a experiencia laboral noutras é razoábel, mais é inxusto que a diferenza sexa tanta.
Que só se teña en conta a experiencia laboral na mesma categoría e grupo, e non en categorías superiores, tamén o consideramos inxusto, sobre todo tendo en conta que estes postos de traballo deberían ser xa de grupo I, e non de grupo II, e sobre todo tendo en conta que nas administracións públicas galegas non existen esas prazas de “técnico/a medio de normalización lingüística”, senón de “técnico/a superior”, isto é, de grupo laboral I ou funcionarial A1.
Solicitude enviada pola CTNL á UdC (.pdf)>
A CTNL solicitou que se modifique a convocatoria de prazas de técnico/a medio de normalización da Universidade da Coruña
Ante a convocatoria de dúas prazas de grupo II de técnico/a medio de normalización lingüística por parte da Universidade da Coruña, a CTNL solicitou que esas prazas sexan de grupo I e que se convoquen mediante un proceso máis xusto