A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) envioulle ao alcalde do Concello de Oleiros, con copia para todos os grupos políticos con representación municipal, unha solicitude na que se pide a modificación das bases para a contratación de técnico/a de normalización lingüística publicadas no BOP da provincia da Coruña n.º 293 do venres 21 de decembro de 2007.
Desde a CTNL considérase que a contratación de persoal técnico mediante convocatoria pública por parte dos concellos é sempre algo positivo, polo que así se valora o paso dado polo Concello de Oleiros de contratar un técnico ou técnica de normalización lingüística. Na convocatoria publicada hai algúns aspectos positivos que son acordes cos criterios da CTNL, nomeadamente a denominación de técnico/a de normalización lingüística; a concreción das funcións, que se consideran que son as propias dun SNL; ou o sistema de selección mediante concurso-oposición, os criterios de puntuación da fase de concurso e as probas concretas da fase de oposición.
Mais, ao mesmo tempo, hai unha cuestión grave que cómpre modificar: a condición C da base 5 é, textualmente “Estar en posesión do título de bacharelato ou equivalente, ou en condicións de obtelo na data na que remate o prazo de presentación de instancias”. En definitiva, farán un contrato equiparado ao nivel C, e non ao nivel A, polo que queren ter “técnico/a de normalización de baixo custo”.
Polo tanto, e con respecto a esta condición, cómpren as seguintes consideracións:
· Debido ás funcións que se teñen que desenvolver e aos coñecementos e capacidades necesarias para desenvolvelas, as prazas de técnico/a de normalización lingüística deben ser –ou estar para todos os efectos equiparadas ás– prazas de funcionarios/as do grupo A: doutores/as, licenciados/as, enxeñeiros/as, arquitectos/as ou equivalentes.
· Polo tanto, debe ser condición das persoas aspirantes estar en posesión do título de licenciada/o universitaria/o ou equivalente ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, e non simplemente estar en posesión do “título de bacharelato ou equivalente”.
· En relación con isto, cómpre lembrar, ademais, que para a concesión de subvencións ás entidades locais para a normalización da lingua galega por parte da Xunta de Galicia “Os servizos municipais e provinciais de normalización lingüística deberán contar, cando menos, cun especialista titulado en lingua galega: licenciado en filoloxía galego-portuguesa, en filoloxía galega ou en filoloxía hispánica (sección galego-portugués)” e que é requisito dos convenios da Deputación da Coruña cos concellos da provincia para a normalización lingüística que “Os servizos municipais de normalización lingüística deberán contar, cando menos, cun especialista titulado en lingua galega: licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, en Filoloxía Galega ou en Filoloxía Hispánica (sección Galego-Portugués); mestre co diploma de especialista en lingua galega ou co diploma do Curso de nivel superior de linguaxe administrativa galega”.
· Por estas razóns, a CTNL solicitoulle ao Concello de Oleiros que para que se poida seleccionar o persoal máis e mellor capacitado para desenvolver as funcións concretas que se sinalan na convocatoria, para optimizar o labor do SNL local, para que o técnico/a de normalización lingüística traballe en condicións laborais dignas e acordes co seu nivel de estudos, para que o Concello de Oleiros poida optar ás subvencións para o mantemento de SNL da Xunta e ao financiamento do SNL por medio dun convenio coa Deputación da Coruña e, en definitiva, para contribuír a mellorar o proceso de normalización da lingua galega, se modifique a condición C da base 5 da convocatoria para que a condición das persoas aspirantes sexa “estar en posesión do título de licenciada/o universitaria/o ou equivalente ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes” e que a praza de técnico/a de normalización lingüística estea para todos os efectos equiparada ás prazas de funcionarios/as do grupo A.
A CTNL solicítalle ao Concello de Oleiros a modificación das bases de técnico/a de normalización lingüística
Pídese que sexa condición estar en posesión do título de licenciada/o universitaria/o ou equivalente.