A CTNL solicítalle á Consellería de Presidencia que non reduza as prazas de lingüistas na Coruña

Logo de coñecer que a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quere suprimir unha praza de titulado/a superior lingüista nos Edificios Xudiciais da Coruña, a CTNL manifesta que é totalmente necesaria para a normalización lingüística na Administración de Xustiza e pídelle á Consellería que reconsidere a súa decisión.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza propuxo a creación dunha nova praza de titulado/a superior lingüista (grupo I, categoría 40) na Dirección Xeral de Xustiza, mais no seu lugar propuxo tamén suprimir unha praza do mesmo tipo nos Edificios Xudiciais da Coruña.

Desde a CTNL valoramos positivamente a decisión de crear unha nova praza na Dirección Xeral de Xustiza, xa que un posto de técnico/a superior nese departamento axudará a unha mellor coordinación do labor conxunto dos equipos lingüísticos da Administración de xustiza, necesidade que os/as traballadores/as destes departamentos veñen demandando.

Con todo, a CTNL non considera xustificado que, para a creación dunha nova praza, sexa necesario eliminar outra. As dúas prazas de titulado/a superior lingüista dos edificios xudiciais da Coruña creáronse no seu momento tendo en conta o número de órganos xudiciais que hai na provincia e o volume de necesidades técnicas que requiren. Se a cantidade de xulgados non minguou, non se explica tampouco unha redución de técnicos/as superiores/as, e máis se temos en conta que estes/as traballadores/as son os/as responsábeis técnicos/as da implementación das medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega na Administración de xustiza.

En consecuencia, a CTNL solicitoulle á Dirección Xeral de Función Pública que, alén de crear a nova praza prevista na Dirección Xeral de Xustiza, reconsidere a decisión de suprimir unha das prazas de titulado/a superior lingüista que existen na Coruña, xa que ambas son totalmente necesarias.

Ao mesmo tempo, tamén se dirixiu aos sindicatos CIG, CCOO, UXT e CSIF para que desaproben a supresión desa praza.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio