En Vigo en galego

A CTNL solicita ao Concello de Vigo que cubra os postos de técnico/a de normalización lingüística

A CTNL diríxese ao Concello de Vigo para pedirlle que retome o funcionamento do SNL con persoal técnico.

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) dirixiuse este martes ao Concello de Vigo para solicitarlle que cubra as dúas prazas de técnico/a de normalización lingüística que figuran na súa relación de postos de traballo, na actualidade vacantes. A CTNL bota en falta a dotación de persoal técnico no Servizo de Normalización Lingüística da cidade olívica para que o concello continúe a planificar, xestionar, executar e avaliar accións e programas de normalización lingüística que contribúan a mellorar o uso e prestixio do galego na maior cidade de Galicia.

As entidades locais de Galicia teñen entre as súas competencias a normalización lingüística, competencia que exerce a través de equipos técnicos especializados, os servizos de normalización lingüística, que deben ser estables e estar dotados de persoal e orzamento suficientes. Son os departamentos técnicos que asesoran a entidade local para desenvolver a súa política lingüística.

O Concello de Vigo creou no ano 1992 un dos primeiros servizos de normalización lingüística (SNL) do país, pioneiro no traballo colaborativo. Proxectos como En galego vivo Vigo, en galego Vigo vai, Duplo R (regueifa e rap), En galego tamén noutros mundos, No Nadal… un conto, Libros ao sol etc., a colaboración constante cos centros educativos para proporcionarlles recursos, a estreita cooperación coa Universidade de Vigo, etc. son mostras dun labor desenvolvido durante máis de 30 anos.

A paralización dun servizo deste tipo non supón unha simple interrupción temporal do traballo, senón que é un gran retroceso no labor cotián de promoción da lingua e na implantación do departamento técnico na institución. É necesario, pois, corrixir esta eiva coa dotación de persoal técnico e recuperando un servizo de normalización lingüística moi necesario na cidade de Vigo.

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

faixa linguavitalxa manifestacion e foliada pola lingua

Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística

Scroll ao inicio