No Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 14 de decembro de 2018 (con corrección de erros no BOP do día 20 de decembro do mesmo ano), o Concello de Oleiros publicou a aprobación definitiva da súa relación de postos de traballo (RPT). Nela inclúese, entre outras áreas, a de Cultura, Deportes, Ensino, Promoción Económica, Formación e Emprego, Xuventude e Normalización Lingüística (número 8), e dentro dela o Servizo de Cultura e Normalización Lingüística (numerado como 08.03). Con todo, a pesar de contar na RPT cun servizo destas características, entre os seus postos de traballo non figura o de técnico/a de normalización lingüística, cando a entidade si ten no cadro de persoal unha persoa que desenvolve ese labor de forma continuada desde hai 10 anos.
A continuidade no tempo do SNL en Oleiros mostra o interese da entidade local por dotarse dun departamento especializado para asesorala na súa política lingüística e para exercer con eficacia as competencias en normalización lingüística que ten como administración local. Así mesmo, o Concello de Oleiros aprobou en 2004 a Ordenanza de uso do galego na Administración municipal de Oleiros (BOP da Coruña do 22 de abril de 2004), cuxo artigo 2.4 recolle que a entidade manterá un SNL para impulsar a normalización do galego.
Daquela, tanto a lexislación xeral en materia de lingua galega como a ordenanza específica do Concello de Oleiros reforzan o carácter estrutural do posto de técnico/a de normalización lingüística na institución e reflicten a necesidade de contar cun departamento técnico estable, dotado de persoal e orzamento suficiente para analizar a situación da lingua na entidade local, no municipio ou na comarca, asesorar a entidade en política lingüística e para planificar, xestionar, executar e avaliar accións e programas de normalización lingüística que interveñan nas áreas prioritarias onde o galego perde prestixio ou utilidade. En definitiva, para exercer de forma eficaz as súas competencias en normalización lingüística.
Por outra banda, de acordo co artigo 38 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a relación de postos de traballo “é un instrumento técnico de carácter público que inclúe todos os postos de traballo de natureza funcionarial e laboral existentes en cada unha das administracións públicas”. A través deste documento as entidades “estruturan a súa organización, clasifican os postos de traballo existentes no seu ámbito e determinan o seu contido para a súa selección e provisión, procurando organizar, racionalizar e ordenar o persoal co obxecto de facilitar unha eficaz prestación dos servizos públicos.”
Tendo en conta a traxectoria de compromiso do Concello de Oleiros co traballo técnico en normalización lingüística como servizo público que se presta en todos os ámbitos de influencia da institución, desde a CTNL botamos en falta que esta vontade se plasme nun documento tan importante como a relación de postos de traballo (RPT). Non incluír o posto de técnico/a de normalización lingüística na RPT supón desaproveitar a oportunidade de consolidalo e darlle estabilidade, tendo en conta que é un posto necesario, ten carácter estrutural e, ademais, a entidade local xa vén contando con el desde hai unha década. Alén disto, a súa inclusión na relación de postos de traballo permitiría consolidalo definitivamente e superar a inestabilidade laboral deste tipo de postos de traballo nas administracións públicas.
FUNCIÓNS DO POSTO DE TÉCNICO/A DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Así mesmo, a CTNL solicitou que se lle asignen ao posto as funcións que veñen establecidas nas convocatorias de axudas da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña.
Escrito dirixido ao Concello de Oleiros, en pdf.
A CTNL solicita ao Concello de Oleiros que inclúa a praza de TNL na súa RPT
Logo da recente aprobación da relación de postos de traballo do Concello de Oleiros, a CTNL solicitoulle que a modifique puntualmente e inclúa neste importante documento organizativo a praza de técnico/a de normalización lingüística con que conta desde hai 10 anos. Esta inclusión suporía un grande avance cara á estabilización do SNL.