Socias e socios da CTNL Premio Rosalía de Castro

A CTNL recibiu o XVII Premio Rosalía de Castro de Lingua

O acto de entrega tivo lugar o venres 3 de xullo na Coruña. Tamén recibiron o premio A Gramola Gominola, Vitamina G e Carlos Callón.

Na tarde do pasado venres, 3 de xullo, a sede da Fundación Paideia na Coruña acolleu o acto de entrega do XVII Premio Rosalía de Castro de Lingua 2026. A música e as palabras de Sheila Patricia conduciron o acto onde se entregaron os galardóns nas tres categorías dos premios:

a) persoa que máis destaque na promoción da lingua galega e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os ambientes e con todos os estratos sociais.

b) entidade que máis destaque na promoción da lingua galega (sexa cal for a súa fórmula xurídica ou modo de constitución: empresas, asociacións, colectivos).

c) proxecto de dinamización lingüística concreto (ferramentas, publicacións ou coleccións, portais web…) que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua co obxectivo de premiar a innovación e o futuro.

Carlos Manuel Callón Torres

premiosrosalia2026 5
Sol Agra e Carlos Callón

Na categoría A (persoa que máis destaca na promoción da lingua galega), o premio recaeu en Carlos Manuel Callón Torres, de quen o xurado valorou especialmente o seu labor como «activista referencial en defensa dos dereitos lingüísticos», e mais o valor das súas publicacións, convertidas «en importantes ferramentas para promover o debate a favor da normalización do idioma galego, así como para mellorar a escrita e a fala da nosa lingua».

A Gramola Gominola

premiosrosalia2026 3
Sol Agra, Paula Romero, Anxelo de Xermar, Paco Cerdeira e Sheila Patricia

Na categoría C foi recoñecida, por unha parte, a banda de rock infantil A Gramola Gominola polo seu «compromiso firme co uso e defensa públicos da lingua galega» e unha traxectoria de máis de dez anos dirixida ao público infantil e familiar a través da música, dos contidos audiovisuais e dos libro-discos acompañados de materiais didácticos.

Vitamina G

premiosrosalia2026 4
Sol Agra e Mariña Lema

Tamén como proxecto de dinamización lingüística dirixido á infancia, foi recoñecido o labor educativo da docente Mariña Lema con Vitamina G. O xurado salientou a súa orixe nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto altamente desgaleguizado e con alumnado procedente de diferentes realidades lingüísticas, ben como o seu valor como exemplo de cohesión social e a súa capacidade para ser exportado a outros contextos semellantes.

Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL)

E na categoría B o XVII Premio Rosalía de Castro recoñeceu na CTNL a súa traxectoria consolidada de 30 anos e mais o seu papel como entidade referente «no desenvolvemento, coordinación e racionalización das políticas e accións de normalización lingüística en Galicia».

A presidenta da CTNL, Mónica Fernández Valencia, agradeceu premio, parabenizou as compañeiras desta distinción e dedicou este recoñecemento “a todas as profesionais da normalización lingüística que, día tras día, desenvolven o seu labor con rigor, creatividade e convicción”. Tivo tamén un recordo especial para Marta Souto. Neste documento pódense consultar as palabras de agradecemento da presidenta da CTNL.

premiosrosalia2026 1
Sol Agra, Mónica Fernández Valencia, Inmaculada Seage, Paula Soto, Anxos Sobriño e Xesús M. Mosquera

O xurado do XVII Premio Rosalía de Castro de Lingua 2026 estivo presidido pola deputada de Lingua, Sol Agra Tuñas, e integrado por Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella (persoas premiadas na edición anterior) e a técnica de normalización lingüística da Deputación Dores Sánchez Alegre como secretaria.

O galardón consiste en 5000 euros por categoría e un cadro de María Maquieira titulado Rosalía de Castro (reprodución artística sobre papel Canson 280 g do orixinal: debuxo e collage a bolígrafo, lapis e acrílico sobre papel).

Galería de fotos

premiosrosalia2026 2
Fotografía conxunta de premiadas/os con Sol Agra e Sheila Patricia
premiosrosalia2026 6
Fotografía conxunta de premiadas/os e representantes institucionais
socias osctnl
Unha representación de socias e socios da CTNL presentes no acto: Beatriz Vilaverde, Luís Pérez, Xulia Rigueiro, Mónica Fernández, Xesús M. Mosquera, Anxos Sobriño, Silvia Muíño, Paula Soto, Inmaculada Seage, Nel Vidal, Dores Sánchez e Carme Pereiro

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio