No BOP da Coruña do 18 de novembro de 2021, o Concello de Betanzos publicou o anuncio da aprobación inicial da modificación puntual da súa relación de postos de traballo.
Neste documento xa se inclúe a praza de técnico/a de normalización lingüística, o que supón un avance respecto da aprobación da RPT o ano pasado, mais modificando o grupo de contratación, que pasa do I de persoal laboral do posto actual ao grupo II do posto da RPT.
Tanto nos diversos cadros de persoal do concello publicados entre 2008 e 2021 como no Convenio colectivo do persoal laboral ao servizo do Concello de Betanzos figura este posto no grupo I. Sen esquecer que nas axudas para o mantemento de servizos de normalización lingüística que convocan a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña tamén se establece como requisito de contratación a pertenza ao grupo I ou A1.
Alén disto, entre as funcións para o posto de TNL que se recollen na proposta de modificación da RPT están tarefas obsoletas ou propias doutras categorías, en lugar de enumerar as propias do SNL que figuran no artigo 22 da Ordenanza para o impulso da lingua galega no Concello de Betanzos. Nas devanditas axudas para o mantemento de servizos de normalización lingüística da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial da Coruña tamén se establecen as mesmas funcións, que podemos considerar consolidadas e asumidas para este tipo de departamentos.
Desde a CTNL consideramos que non hai motivo ningún para modificar o grupo de contratación, decisión que degrada tanto o posto de traballo coma o labor técnico de promoción da lingua, e ademais pode ter consecuencias negativas á hora de recibir axudas do Goberno autonómico e do Goberno provincial para o mantemento do SNL, pois o Concello de Betanzos pasaría a incumprir os requisitos de contratación que establecen estas convocatorias.
A CTNL solicítalle ao Concello de Betanzos que corrixa a modificación da RPT do seguinte xeito:
1. Que denomine a praza como “técnico/a de normalización lingüística”.
2. Que a clasifique no grupo I de persoal laboral e requira como titulación necesaria un título universitario de grao ou unha licenciatura.
3. Que estableza como funcións da praza as que figuran na Ordenanza para o impulso da lingua galega no Concello de Betanzos.
DOCUMENTACIÓN
Anuncio no BOP do 18 de novembro de 2021, en .pdf
Certificado do acordo de modificación da RPT, en .pdf
Documento da modificación puntual da RPT, en .pdf
Escrito de alegacións dirixido ao Concello de Betanzos, en .pdf
A CTNL presenta alegacións á modificación da RPT do Concello de Betanzos, que inclúe a praza de TNL como grupo II
O Concello de Betanzos anunciou no BOP do 18 de novembro a aprobación inicial da modificación da súa relación de postos de traballo. O cambio xa inclúe a praza de técnico/a de normalización lingüística, pero modifica o grupo de contratación. Polo tanto, a CTNL presentou alegacións co fin de que se inclúa a praza como grupo I na aprobación definitiva da RPT.