A CTNL presenta alegacións á modificación da RPT de Culleredo

A CTNL presentou alegacións á aprobación inicial da modificación da relación de postos de traballo do Concello de Culleredo, acordo que converte a praza de técnico/a de normalización lingüística en técnico/a de cultura.



No Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 22 de febreiro de 2023 o Concello de Culleredo publicou o anuncio da aprobación inicial da modificación da súa relación de postos de traballo (RPT), acordo adoptado polo Pleno da Corporación o día 10 de febreiro de 2023.

Na proposta de modificación da relación de postos de traballo cámbiase a denominación da praza de técnico/a de normalización lingüística que existiu durante 20 anos nos catálogos de postos anteriores para convertela nunha praza de técnico/a de cultura con só tres funcións relacionadas coa normalización lingüística.

Alén diso, tamén se modifica a titulación de acceso, que pasa a ser licenciatura en Lingua Galega, grao en Xestión Cultural ou equivalente, e o requisito lingüístico, que se reduce a Celga 4 ou equivalente.

Esta modificación da relación de postos de traballo supón na práctica a supresión do servizo de normalización lingüística para reconvertelo nas funcións parciais dun servizo de cultura, nun concello de máis de 30 000 habitantes, da área metropolitana da Coruña e cun índice alto de uso do castelán como lingua de comunicación.

Por este motivo, a CTNL presentou alegacións ao acordo co fin de que non se modifique a denominación do posto de técnico/a de normalización lingüística e se manteña con todas as súas funcións o servizo de normalización lingüística, o departamento que precisa a entidade local para exercer as súas competencias en materia de promoción da lingua. Tamén se solicita que se establezan as titulacións necesarias para a praza, que se detallen as funcións do posto e que o requirimento lingüístico sexa o Celga 5, todo de acordo coas ordes se subvencións da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia. Precisamente estas axudas supuxeron para o Concello de Culleredo case 20.000 euros en 2022 e 82.458,72 euros nos últimos cinco anos.

A modificación da praza e das súas funcións limita a efectividade do labor de promoción do uso e do prestixio da lingua pois redúceo a actividades culturais, cando as intervencións desde o departamento de normalización lingüística deben ser carácter transversal. Así o especifica a Lei de normalización lingüística (LNL) no seu artigo 25 (O Goberno galego e as corporacións locais dentro do seu ámbito fomentarán a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras).

Portal de transparencia do Concello de Culleredo, onde se pode consultar a documentación sometida a información pública.

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio