No BOP da Coruña do 16 de marzo de 2020 e do 17 de xuño de 2020, o Concello de Betanzos publicou o anuncio da aprobación inicial da súa relación de postos de traballo.
Neste documento non figura a praza de técnico/a de normalización lingüística, posto de traballo que se creou no Concello de Betanzos no ano 2005. Porén, si aparece recollido como persoal laboral do grupo I en documentos previos a esta nova relación de postos de traballo (orzamentos, relacións de postos de traballo e cadros de persoal desde 2005).
A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia establece que as entidades locais “deberán elaborar unha relación de postos de traballo que conteña todos os postos de traballo existentes nelas”, condición que cumpre a praza de TNL desde 2005 e mesmo foi incluída nunha relación de postos de traballo de 2008.
Por outra banda, o Concello de Betanzos aprobou en 2016 a súa Ordenanza para o impulso da lingua galega, onde se recolle que “O Concello de Betanzos contará cun Servizo de Normalización Lingüística (SNL) estable dotado con medios materiais e humanos suficientes co obxecto de impulsar a normalización e procurar o incremento do uso e prestixio do idioma galego a todos os niveis e ámbitos sociais, e de coordinar as accións necesarias para darlle cumprimento a esta ordenanza”.
A exclusión da praza de técnico/a de normalización lingüística na nova relación de postos de traballo do Concello de Betanzos contravén tanto a Lei de emprego público de Galicia coma a propia ordenanza para o impulso de lingua galega, pois deixa fóra da RPT un posto existente cunha traballo continuado de 15 anos e dificulta a estabilización do SNL.
A CTNL solicítalle por tanto ao Concello de Betanzos que corrixa esta eiva na aprobación definitiva da RPT. A mellora que propomos é ademais unha oportunidade para consolidar e dar estabilidade ao servizo de normalización lingüística en Betanzos.
Escrito de alegacións dirixido ao Concello de Betanzos, en pdf.
A CTNL presenta alegacións á aprobación da RPT de Betanzos
O Concello de Betanzos anunciou a aprobación provisional da súa relación de postos de traballo (nos BOP do 16 de marzo e do 17 de xuño). Neste documento non se inclúe a praza de técnico/a de normalización lingüística, posto existente en Betanzos desde o ano 2005. Polo tanto, a CTNL presentou alegacións co fin de que se corrixa esta eiva na aprobación definitiva da RPT.