A CTNL recibiu hoxe a comunicación de que foi galardoada co Premio Rosalía de Castro de Lingua, na súa categoría B, destinada a recoñecer o traballo daquelas entidades que máis destaquen na promoción da lingua galega sexa cal for a súa fórmula xurídica ou constitución. O xurado, presidido pola deputada de Lingua, Sol Agra Tuñas e integrado por Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella (o labor de secretaría foi realizado por Dores Sánchez Alegre, xefa da Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña), recoñeceu na CTNL a súa traxectoria consolidada de 30 anos e mais o seu papel como entidade referente «no desenvolvemento, coordinación e racionalización das políticas e accións de normalización lingüística en Galicia».
Na categoría de persoa que máis destaca na promoción da lingua galega, o premio recaeu en Carlos Callón de quen o xurado valorou especialmente o seu labor como «activista referencial en defensa dos dereitos lingüísticos», e mais o valor das súas publicacións, convertidas «en importantes ferramentas para promover o debate a favor da normalización do idioma galego, así como para mellorar a escrita e a fala da nosa lingua».
Pola súa banda, o premio ao mellor proxecto de dinamización lingüística dirixido á infancia e á mocidade foi concedido ex aequo a A Gramola Gominola e Vitamina G. Ao primeiro, polo seu «compromiso firme co uso e defensa públicos da lingua galega» e unha traxectoria de máis de dez anos dirixida ao público infantil e familiar a través da música, dos contidos audiovisuais e dos libro-discos acompañados de materiais didácticos. Sobre Vitamina G, promovido pola profesora Mariña Lema, salientouse a súa orixe nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto altamente desgaleguizado e con alumnado procedente de diferentes realidades lingüísticas, ben como o seu valor como exemplo de cohesión social e a súa capacidade para ser exportado a outros contextos semellantes.
A directiva da CTNL desexa expresar a súa gratitude por este recoñecemento ao tempo que parabeniza as compañeiras desta distinción nesta nova entrega dos premios.
Premios Rosalía de Castro de Lingua
Os Premios Rosalía de Castro de Lingua, que neste ano 2026 chegaron á súa décimo sétima edición, foron convocados no pasado mes de xaneiro (BOP do día 22) pola Área de Lingua da Deputación co obxectivo de recoñeceren aquelas persoas, entidades e iniciativas comprometidas coa promoción social do galego e co seu futuro, especialmente entre a infancia e a mocidade. A participación nesta ocasión chegou ás 31 candidaturas, das cales se avaliaron finalmente 27.
Información máis detallada:




