A CTNL mantén un primeiro contacto co secretario xeral de Política Lingüística e trasládalle as súas principais reivindicacións

A directiva da CTNL mantivo unha primeira xuntanza co secretario xeral de Política Lingüística para intercambiar impresións, coñecer as súas propostas e trasladarlle as demandas do colectivo de traballadores/as de normalización da lingua. Os representantes da CTNL manifestáronlle ao secretario xeral que o colectivo achegará propostas de mellora no proceso de normalización lingüística, apoiará medidas de avance e oporase a calquera retroceso.

O presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Nel Vidal, xunto co secretario Xusto A. Rodríguez Río e a vogal Rosa Moreiras, entrevistáronse esta mañá co secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, por iniciativa deste.

Os representantes da CTNL trasladáronselle ao secretario xeral que a postura do colectivo con respecto á SXPL sempre foi, e seguirá a ser, a mesma: achegamento de propostas de mellora no proceso de normalización lingüística, apoio ás propostas de avance que se queiran desenvolver e postura crítica e oposición ante calquera intento de retroceso e, agora mesmo, desde o goberno da Xunta do Partido Popular non houbo nin se anunciou ningún avance e, non obstante, xa se anunciaron varios moi graves retrocesos, que a CTNL non pode deixar de criticar. En concreto, algúns deses graves retrocesos anunciados e/ou xa consumados son o relegamento da SXPL á Consellería de Educación, o anuncio de derrogación do decreto de uso do galego no ensino e a ruptura unilateral por parte do goberno do PP do consenso que supuxo o PXNLG ou o anuncio de reforma da Lei de función pública para a retirada do exame que até agora era obrigatorio facer en galego nos procesos selectivos de acceso á función pública para garantir o coñecemento práctico e real da lingua galega por parte dos/as opositores/as. A CTNL considera estes aspectos graves retrocesos no proceso de normalización da lingua.

Ademais disto, destacóuselle o feito de que o discurso falso da “imposición do galego” que segue a facer o Goberno prexudica gravemente a lingua e dificulta obxectivamente o traballo de promoción e dinamización que os/as traballadores/as de normalización teñen encomendado, polo que se debería atallar canto antes.

Á parte destes aspectos, a Xunta Directiva da CTNL entregoulle ao novo responsábel da SXPL copia de diversos documentos onde se recollen as posturas e propostas da CTNL en relación con diversos aspectos das funcións e competencias da SXPL. En concreto, entregóuselle copia de documentos con propostas de mellora das convocatorias de subvencións aos servizos de normalización lingüística, con cadros que amosan o escaso resultado que nos últimos anos estas produciron; unha valoración xeral dos orzamentos da SXPL; ou un documento crítico coas validacións dos Celga. Tamén se lle entregou unha copia do relatorio de «Análise da acción de política lingüística desde o goberno galego nos últimos catro anos e propostas para a vindeira lexislatura», que o presidente da CTNL, en nome da Comisión Técnica do CDSG do Consello da Cultura, da que o propio Anxo Lorenzo formaba parte, presentou nos XI Encontros para a normalización lingüística. Aínda que este non é un documento da CTNL, a CTNL apoia en xeral a análise e as propostas que contén.

No transcurso da xuntanza, Anxo Lorenzo trasladoulles aos representantes da CTNL a súa intención de apostar nesta lexislatura pola creación dunha rede de servizos de normalización lingüística municipais para a dinamización e promoción da lingua galega que permita certa coordinación e colaboración nas diversas accións que de xeito illado se están a desenvolver até agora desde diversos SNL.

Para avanzar neste último aspecto, unha vella reivindicación do colectivo, a CTNL e a SXPL acordaron manter nas próximas semanas unha nova xuntanza, na que se tratarán, ademais, outras cuestións concretas de mellora da xestión e dos criterios dalgunhas das accións desenvolvidas pola SXPL nos últimos anos.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio