Na Asemblea Xeral ordinaria da CTNL correspondente a 2026, que tivo lugar o 7 de marzo en Compostela, elixiuse unha nova directiva e aprobáronse as liñas de acción para este ano.
Nova Xunta Directiva
Na Asemblea elixiuse a única candidatura presentada, que inclúe só un cambio respecto da directiva anterior. Abandonou o cargo de vogal Xosé Ramón López Boullón, a quen lle agradecemos a dedicación nos últimos dous anos e a disposición para seguir colaborando. E pasou a formar parte do novo equipo Andrea Muíño Quintáns, técnica de normalización lingüística do Concello de Val do Dubra. Queda a nova directiva coas seguintes persoas:
- Presidenta: Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense
- Secretaria: Paula Soto Viñas, técnica de normalización lingüística do Concello de Moaña
- Tesoureiro: Xesús M. Mosquera Carregal, técnico de normalización lingüística da Universidade da Coruña
- Vogais:
- Inmaculada Seage Freire, técnica de normalización lingüística dos concellos de Rois e Dodro
- Fátima Souto Muñiz, docente de ensino secundario
- Marta Besada Otero, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela
- Manuel Reices Vilar, redactor-corrector na Deputación Provincial de Pontevedra
- Andrea Muíño Quintáns, técnica de normalización lingüística do Concello de Val do Dubra
- Anxos Sobriño Pérez, lingüista na Audiencia Provincial de Pontevedra
Accións para o cumprimento dos fins da asociación
Como é habitual, difundiranse as convocatorias de novas prazas de técnico/a de normalización lingüística e faranse propostas para aumentarmos a rede de servizos de normalización lingüística, tan necesarios para traballar na promoción da lingua en todos os ámbitos sociais. Así mesmo, continuarase a difusión de accións de normalización lingüística e de proxectos modélicos a través dos Premios Mil Primaveras, que pecharán a súa sétima edición e abrirán unha oitava.
En relación coas propostas formativas, aprobouse realizar un novo curso sobre xestión administrativa, aproveitando que estamos actualizando o manual de 2011, e, se houber demanda, repetir o curso Da idea á forma. Tamén colaboraremos coa nova edición dos Encontros para a Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega.
Accións para a mellora do proceso de normalización lingüística
Farase un seguimento da política lingüística da Xunta de Galicia e das entidades locais, con especial detalle na agardada revisión do PXNLG. E contactarase coas universidades para proporlles colaborar cos SNL na oferta de prácticas para o alumnado e desta forma axudarmos a difundir as posibilidades profesionais como técnicos/as de normalización lingüística.
Organizarase unha xornada de traballo aberta a todas/os as/os socias/os para elaborar un modelo de temario específico para prazas de técnico/a de normalización lingüística.
Continuaremos cos nosos proxectos consolidados, coma o LGx15 e os Premios Mil Primaveras, que incluirán lixeiros cambios no aspecto comunicativo. Tamén seguiremos a difundir produtos, recursos ou publicacións con Agasallo e #VeránLingua. Así mesmo, editaremos a actualización do Manual de xestión administrativa elaborado en 2011.
Neste ano 2026, a CTNL fai 30 anos e realizaranse actividades específicas para conmemorar esta efeméride.




