O xurado do premio Xoán Manuel Pintos 2013, convocado polo Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL), acordou, por unanimidade, concederlle o premio ao labor desenvolto desde a última edición á campaña Gústame o galego, da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O xurado destacou “a mensaxe positiva a prol do galego que vertebra esta iniciativa”. A campaña, que xurdiu no seo do Viveiro de propostas normalizadoras e que a CTNL puxo a andar a finais de novembro de 2012, “foi espallándose por todo o país e consegue chegar aos máis diversos ámbitos sociais; visibiliza os apoios individuais ao uso da lingua e liga o idioma galego coas redes sociais e coa internet”, segundo se recolle na acta de concesión do galardón.
Ademais, o xurado quixo salienter “o carácter social que enmarca todas as accións da CTNL e incidiu en que esta asociación une a profesionalidade dos seus membros co activismo social e o compromiso persoal e colectivo coa lingua”. Tamén quixo mostrar “o seu apoio aos servizos de normalización lingüística municipais, que sufriron fortes recortes e desapareceron nestes últimos anos, e nos que traballan ou traballaron a meirande parte das persoas que compoñen a CTNL”.
Xa son máis de 5.000 as persoas que participaron en Gústame o galego sacando e difundindo unha foto cun lema en apoio ao proceso de normalización da lingua galega, máis de 11.500 as persoas seguidoras en Facebook, máis de 50 as sesións de photocall, e un alcance da campaña na rede que, nalgunhas semanas, rolda as 70.000 persoas.
A entrega do Premio Xoán Manuel Pintos 2013 terá lugar nun acto público o día 28 de novembro en Pontevedra.
Nesta edición do certame tamén foi recoñecido o traballo continuado a prol do galego feito pola editorial Kalandraka.
A CTNL é recoñecida co premio Xoán Manuel Pintos pola campaña Gústame o galego
O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua concédenlle o premio Xoán Manuel Pintos 2013 á campaña Gústame o galego, da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), así como á editorial Kalandraka