A CTNL denuncia que o Concello de Vimianzo elimina o seu Servizo de Normalización Lingüística e rexeita as subvencións concedidas

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) denuncia que o Concello de Vimianzo eliminou inxustificadamente o seu Servizo de Normalización Lingüística, despediu do seu posto de traballo ao técnico responsábel e decidiu non pedir ningunha subvención para o mantemento deste servizo.

Segundo denuncia a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), o Concello de Vimianzo decidiu eliminar de xeito inxustificado o seu Servizo de Normalización Lingüística, para o que despediu ao técnico responsábel e rexeitou a axuda económica de 12.000 euros anuais que a Deputación da Coruña lle concedía para o mantemento deste servizo durante o período 2009-2011 (36.000 euros en total).

O acordo foi tomado na Xunta de Goberno Local do pasado 20 de outubro, na que o Concello decidiu «non solicitar a subvención para o programa de cooperación cos concellos da Coruña para a creación ou mantemento de servizos de normalización, anualidades 2009-2011» e «comunicarlle ao interesado, que vén prestando os servizos de normalizador, a supresión da devandita praza».

As razóns que alega o Concello son que a Deputación, para a concesión da subvención, pon como requisito que se debe contar cun titulado superior (grupo A ou equiparado), e que a subvención concedida non cubre a totalidade dos custos.

Desde a CTNL informaron ao alcalde de Vimianzo, o socialista Alejandro Rodríguez, que, en primeiro lugar, o persoal responsábel do SNL debe ter uns coñecementos e capacidades correspondentes a unha licenciatura e, polo tanto, a súa categoría profesional debe ser acorde coa súa formación (non facelo así sería ilegal) e, en segundo lugar, ningunha subvención pode cubrir a totalidade dos custos do proxecto subvencionado. Tamén o informaron de que ademais dos 36.000 euros que lle concedía a Deputación da Coruña, anualmente a Xunta de Galicia convoca unha liña de subvencións compatíbeis con calquera outra para financiar os servizos de normalización, que o Concello de Vimianzo rexeita solicitar.

Coa desaparición do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vimianzo tamén desaparece a acción normalizadora e a intensa actividade que até o de agora se desenvolvía dende esa administración. Algunhas das accións desenvolvidas por este servizo que fora creado en 2005 poden consultarse aínda no sitio web que o propio servizo mantiña: www.vimianzo.es/lingua.

Ante esta situación, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) dirixiuse ao alcalde de Vimianzo para solicitar que o Concello reconsidere a súa decisión e que non suprima ese servizo, que non rexeite os 36.000 euros que a Deputación lle concede ao seu municipio, que se dote de persoal técnico estábel para a normalización da lingua galega e lle dedique ao Servizo de Normalización Lingüística os recursos económicos e materiais necesarios para o desenvolvemento do seu traballo.

Ademais, a CTNL tamén denunciará esta situación ante todos os grupos políticos con representación municipal (BNG, PP, PSOE e Grupo Mixto), e informará á Deputación da Coruña, á Dirección Xeral de Administración Local e á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio