A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) solicitoulle á Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) que modifique a convocatoria dos cursos preparatorios para as probas Celga, publicada no DOG do 11 de xaneiro, xa que esta presenta unha serie de problemas que provocarán caos e graves prexuízos na súa organización e desenvolvemento e na inscrición nos propios cursos e nos exames Celga de moitas persoas interesadas.
Segundo denuncia a CTNL, esa convocatoria por parte da Xunta supón, ademais, unha desconsideración absoluta dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos que, na práctica, son quen maioritariamente se encargan de xestionar e difundir os cursos e a inscrición das persoas participantes, e por parte da SXPL non hai ningún contacto nin coordinación previa coa gran maioría dos SNL para a planificación territorial e temporal dos cursos.
Na convocatoria publicada polo departamento de Política Lingüística da Xunta hai unha total falta de universalidade e de planificación territorial da oferta formativa, que suporá que haxa comarcas enteiras nas que non se realice ningún curso de galego en todo o ano, o que significará que a poboación desas comarcas non teña oportunidade de formarse en lingua galega para as probas Celga se non é desprazándose grandes distancias.
Ademais, a convocatoria presenta numerosas eivas que, de non seren corrixidas, provocarán caos na organización e na inscrición das persoas interesadas, pois estabelece que nalgúns casos a xente se teña que matricular no exame antes de saber se pode participar nun curso (a data de matrícula no exame remata o 25 de marzo, cando a resolución de concesión de cursos para colectivos se fará pública o 31 de marzo); que a xente se ten que preinscribir nos cursos con até sete meses de antelación (o prazo de preinscrición nas listaxes de cursos colectivos remata o 27 de febreiro, aínda que o curso sexa no mes de outubro); aulas demasiado numerosas (30 persoas) para a aprendizaxe lingüística e con alumnado con coñecementos moi desiguais; período moi reducido para a realización dos cursos solicitados por colectivos (escasamente un prazo dun mes e medio para o desenvolvemento dun curso de 75 horas); etc.
A CTNL xa lle remitiu en outubro de 2009 ao departamento que dirixe Anxo Lorenzo unha proposta de mellora do sistema de formación en lingua galega de persoas adultas, mais a Xunta non tivo en conta ningunha desas propostas e optou pola aprobación e publicación dunha convocatoria que repite todos os erros de edicións anteriores e que provoca todos estes problemas sinalados, polo que desde a CTNL se lle pide agora á SXPL que rectifique e que modifique a convocatoria de cursos Celga.
A solicitude completa da CTNL pode descargarse, en .pdf, aquí
INFORMACIÓN NOS MEDIOS
- Normalizadores critican o “caos” na convocatoria de cursos Celga [Xornal de Galicia, 17/1/2010]
- Anuncian un “caos” para os exames do Celga [Galicia Hoxe, 16/1/2010]
- A CTNL denuncia numerosos problemas nos cursos Celga [A Nosa terra, 15/1/2010]
- A CTNL denuncia “numerosos problemas” na convocatoria dos cursos Celga [GzNación, 15/1/2010]