Segundo informan na súa páxina web, precisamente no momento en que os diferentes departamentos didácticos están a elaborar as programacións didácticas que planifican o traballo de todo o curso, a CGENDL constata que desde a SXPL non se van convocar en tempo e forma (a comezos de setembro, como se fixera no curso pasado) as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino. Para eles, a demora imposibilita a organización de actividades encamiñadas a poñer en valor a lingua galega entre a comunidade educativa así como, especialmente, a desenvolver as capacidades lingüísticas do alumnado.
Esta situación de parálise suporía un retroceso nas políticas de apoio da administración aos ENDL logo de que en anos anteriores se solventasen por primeira vez moitos dos problemas que obstaculizaban o seu labor (convocatorias desaxustadas cos cursos académicos, falta de directrices de traballo para os equipos etc.). Esta interrupción dunha dinámica de apoio á dinamización lingüística nos centros educativos conduce á desorientación e ao desánimo de todos os que conforman os equipos: aos centos de docentes, membros do persoal administrativo e, sobre todo, de rapaces e rapazas, principais realizadores e receptores das nosas actividades.
Por todo isto, a Coordinadora Galega de ENDL animará aos ENDL a enviar cartas dirixidas ao conselleiro de Educación para lle requirir que axilice os prazos dunha convocatoria fundamental para realizar o seu labor nos centros públicos e privados de toda Galicia.
O modelo de carta pode >descargarse nesta ligazón
A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización amosa a súa preocupación ante a parálise dos proxectos de fomento do uso da lingua galega nos centros educativos
A Coordinadora Galega de ENDL amosou a súa preocupación e o malestar que están a expresar os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística ante o demora da convocatoria anual dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino público e privado.