A CGENDL e a Aula Castelao de Filosofía, Premio Xoán Manuel Pintos 2011 polo fomento da lingua

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) concedéronlle o Premio Xoán Manuel Pintos 2011 de impulso da normalización lingüística á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua (CGENDL) e á Aula Castelao de Filosofía

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) convocan o premio Xoán Manuel Pintos. Este galardón ten o obxectivo de facer recoñecemento público ao labor de impulso do uso da lingua galega e ao mesmo tempo manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos, figura central do Rexurdimento.

Ademais, este ano o galardón cobra un sentido especial, ao inserirse dentro dos actos do Ano Xoán Manuel Pintos co que o Concello de Pontevedra celebra o bicentenario do nacemento deste autor; un dos pioneiros no compromiso coa defensa e a divulgación da lingua galega na súa obra.

O xurado estivo formado por Demetrio Gómez Xunqueira, concelleiro de Normalización Lingüística; tres representantes do movemento asociativo pontevedrés: Gonzalo Sancho, da asociación Vaipolorrío, Xosé Rei da Mesa pola Normalización Lingüística e Ernesto Filgueira do Centro Comercial Urbano Zona Monumental; tres persoas de recoñecido prestixio no seu traballo a prol da lingua galega: Pablo Rodríguez Torres de Reizentolo (entidade premiada o ano pasado), Ana Acuña Trabazo (Universidade de Vigo) e Xaime Toxo (Ateneo de Pontevedra); Concepción Díaz Candán (representando a Administración autonómica a través do Gabinete de Política Lingüística en Pontevedra); Luís Losada Rodríguez (do CEIP San Benito de Lérez, representando os ENDL dos centros de ensino de Pontevedra), Juan de Sola (representando o Colexio de Xornalistas de Galicia) e Concepción Cochón, técnica de normalización lingüística no Concello de Pontevedra.

O xurado decidiu, por unanimidade, outorgarlle o premio ao labor desenvolto durante o ano en curso á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística. O xurado salientou o traballo da Coordinadora non só polo labor que está a facer como asociación, senón tamén porque exemplifica e aglutina os equipos de normalización lingüística de todo o país. Tivéronse en conta, de maneira especial, as campañas que este colectivo vén desenvolvendo neste último ano; con elas contribúen a ligar o uso da lingua galega a novos campos do coñecemento e da tecnoloxía, dirixíndose sempre á infancia e á mocidade galegas. As profesoras e profesores dos equipos de normalización desenvolven o seu traballo a prol da lingua en condicións moi duras, mais cun compromiso, dedicación e paixón que lles transmiten ao resto de integrantes dos equipos, de maneira especial ao alumnado. No traballo destas persoas está boa parte do futuro da nosa lingua.

O xurado tamén decidiu por unanimidade que o premio ao traballo de xeito continuado ao longo de toda a súa traxectoria recaia na Aula Castelao de Filosofía. Esta asociación leva trinta anos a defender a lingua galega, tal e como recollen nos seus obxectivos fundacionais. A súa traxectoria sempre estivo fortemente implicada co compromiso activo coa nosa lingua e a nosa terra. Cada ano, a Aula fai posible que o galego sexa unha lingua normal na transmisión e no debate do pensamento científico máis actual. Nas súas actividades sobrancea a capacidade de divulgación do máis fondo pensamento científico, sempre desde o galego. Ao longo da súa existencia, os homes e mulleres que foron dándolle vida á Aula mantiveron o compromiso firme e reflexivo coa normalización da lingua galega na sociedade e no ensino, nun exemplo firme de coherencia e dignidade.

Ademais, o xurado propón facer unha mención especial ás e aos profesionais que estiveron a traballar en todos os medios de comunicación en galego que pecharon no último ano, como Vieiros, A Nosa Terra, Xornal Diario, Galicia Hoxe e A Peneira. As profesionais e os profesionais destes medios traballaron defendendo a lingua, a cultura e a información en galego. A extinción dos medios de comunicación na nosa lingua impídelles continuar co seu labor de compromiso co país e co galego. Xa que logo, o xurado fai unha mención especial aos xornalistas e ás xornalistas dos medios de comunicación que fixeron e fan esforzos para visibilizar a lingua galega nos medios de comunicación. Asemade, o xurado fai un chamamento a toda a sociedade, á Xunta de Galicia e ao resto das institucións galegas para apoiaren todas as iniciativas que permitan a existencia de medios de comunicación en lingua galega.

Os premios Xoán Manuel Pintos entregaranse no transcurso dun acto público o xoves 24 de novembro de 2011.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio