A Asemblea da CTNL aproba por unanimidade as liñas de acción para o 2008

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria de 2008 o venres 14 de marzo en Santiago de Compostela, na que participaron un bo número de socias e socios, e na que se aprobaron por unanimidade as liñas de acción da asociación para o período interasemblear 2008-2009.

As liñas aprobadas inclúen accións para o cumprimento dos fins da asociación e algúns obxectivos e accións organizativas.

DIVERSAS PROPOSTAS PARA FACER MÁIS EFECTIVO O TRABALLO A PROL DA NORMALIZACIÓN E FORMACIÓN CONTINUA CENTRAN BOA PARTE DAS ACCIÓNS

Para a defensa dos intereses xerais dos traballadores e das traballadoras de normalización lingüística de Galiza e da dignidade das condicións de traballo dos servizos lingüísticos, a CTNL continuará co plan de actuación ante as convocatorias de prazas e contratacións para os servizos lingüísticos das administracións públicas; desenvolverá accións para a creación e consolidación de SNL; e realizará informes e propostas sobre a situación dos traballadores e das traballadoras de normalización da lingua.

Tamén seguirá promovendo a formación continua no eido da normalización lingüística, para o que organizará un curso de aproveitamento de ferramentas multimedia para o traballo en normalización lingüística e mais un curso de avaliación de accións de fomento da lingua. Ao mesmo tempo colaborará coa IV edición do Curso de verán sobre dinamización lingüística que organiza o SNL da UdC, e avaliará a posibilidade de organizar outras accións formativas de introdución ao traballo en departamentos de normalización.

Ademais, en 2008 publicará os resultados do proxecto para a definición dos servizos lingüísticos e os perfís profesionais dos/as traballadores/as de normalización lingüística en Galiza; velará pola creación dos xa anunciados para 2007 Consorcio de Planificación Lingüística e Consorcio de Terminoloxía; coorganizará o II Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña; proporá a continuación dos Encontros de normalización lingüística; procurará a realización ou colaboración na realización de encontros e xuntanzas territoriais ou sectoriais para o contacto, información e procura de coordinación e desenvolvemento de accións conxuntas; impulsará a coordinación entre SNL e ENDL; elaborará unha proposta para promover a aprobación ou actualización de ordenanzas de impulso do galego desde as administracións locais; e solicitará a actualización da Lei de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais ou a aprobación dunha nova lei neste ámbito.

REFORZAMENTO ORGANIZATIVO, MAIOR VISIBILIDADE SOCIAL E NOVAS COLABORACIÓNS SON ALGÚNS DOS OBXECTIVOS DA ASOCIACIÓN PARA 2008

Neste período interasemblear, a CTNL analizará vías de financiamento para poder contar cun local propio e tamén para a contratación dun coordinador técnico ou coordinadora técnica. Tamén traballará para a posta en marcha de grupos de traballo territoriais e/ou sectoriais, ademais de intentar incrementar o número de socias e socios.

Nos vindeiros meses tamén porá en marcha un novo espazo na rede máis dinámico, atractivo, funcional e participativo e habilitará novos sistemas de comunicación entre os/as asociados/as.

Ao mesmo tempo tamén procurará a colaboración e contacto con outras entidades, colectivos e organismos para cuestións xerais e/ou concretas de interese para a normalización lingüística e traballará coa pretensión de darlle ao colectivo unha maior visibilidade social.

NOVOS/AS SOCIOS/AS E RENOVACIÓN NA DIRECTIVA

Na Asemblea Xeral Ordinaria da CTNL tamén se aprobou a incorporación de 38 novos/as socios/as e ratificáronse seis baixas; aprobáronse por unanimidade os informes de xestión e de contas e aprobouse a incorporación á directiva como vogal de Concepción Diéguez Diéguez, tras a renuncia de Olga Patiño Abeixón logo de moitos anos entregada ao traballo na asociación.

O resto da Xunta Directiva mantense con Nel Vidal Barral como presidente; Xusto A. Rodríguez Río como secretario; Anxos Sobriño Pérez como tesoureira; e Rosario Pérez Magdalena, Rosa Moreiras Cuñarro, Dores Sánchez Alegre, Iván Méndez López e Roberto Rielo Iglesias como vogais.
VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio