[55] O curso de verán «Traballando en lingua» conclúe que cómpren novos discursos modernos, claros, rigorosos e integradores para a promoción do galego

  • O V Curso de verán «Traballando en lingua», Do compromiso individual aos argumentos que tivo lugar en Carballo entre o 15 e o 17 de xullo, concluíu que cómpre dotar a promoción do galego de «argumentos novos, imaxinativos, modernos, claros, rigorosos, integradores, coherentes, firmes e conciliadores».
  • Entre as conclusións do curso sinálase que a promoción do galego «debe ligarse con valores sociais positivos, coa construción da xustiza social» e que «o discurso e a acción en política lingüística non pode depender de opcións políticas nin resultados electorais e ten que procurar unha identificación do idioma que nos vincule, colectivamente e por consenso, como galegas e galegos».
  • As conclusións do curso pódense consultar xa no sitio web do SNL da Universidade da Coruña: www.udc.es/snl e no da CTNL (www.ctnl.org)

O V Curso de verán «Traballando en lingua», Do compromiso individual aos argumentos, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e o Concello de Carballo, que tivo lugar entre o 15 e o 17 de xullo, afondou na necesidade de construírmos novos discursos sobre a(s) lingua(s) desde diferentes metodoloxías e enfoques, e agora fanse públicas tanto as conclusións xerais ás que se chegou como as conclusións dos diferentes grupos de traballo e outros materiais.

Deste xeito, a organización e as persoas participantes sinalan que «cómpre dotar os discursos sobre a lingua de novos argumentos, imaxinativos, modernos, claros, rigorosos, integradores, coherentes, firmes e conciliadores» e que «é preciso elaborarmos un abano de argumentarios dirixidos aos diversos grupos sociolingüísticos existentes na complexa realidade galega».

Nos quince puntos que constitúen esas conclusións sinálase, por exemplo, que a promoción do galego «debe ligarse con valores sociais positivos, coa construción da xustiza social» e coas «teses mantidas polo ecolingüismo». Tamén se reclama das administracións públicas e das institucións «que cumpran o papel emisor que lle outorga o marco legal vixente e, xa que logo, que retomen e difundan o discurso normalizador».

Con respecto ao ensino, o curso concluíu que se detecta «a necesidade de o galego se constituír na lingua vehicular dunha parte substancial das materias e é unánime a consideración positiva deste feito»; ademais, «é xeral a oposición a unha segregación do alumnado por razón da lingua, unha opción que se xulga inmotivada e que contradí tanto a lexislación como os criterios académicos e pedagóxicos». Así, «reclámase a estabilidade do ordenamento lexislativo de que depende o sistema educativo».

Nas conclusións do curso tamén se esixe da clase política que «o discurso e a acción en política lingüística teña estabilidade a longo prazo e que non dependa das opcións políticas que estean a gobernar, nin de resultados electorais para, deste modo, procurar unha identificación do idioma que nos vincule, colectivamente e por consenso, como galegas e galegos».

Tanto as conclusións xerais do curso, como as dos diferentes grupos de traballo, así como os textos dos diferentes relatorios, están ao dispor de todas as persoas interesadas tanto no web do SNL da Universidade da Coruña (www.udc.es/snl) como no da CTNL (www.ctnl.org).

CONSULTA AQUÍ AS CONCLUSIÓNS E TODOS OS MATERIAIS DO V CURSO DE VERÁN “TRABALLANDO EN LINGUA”. DO COMPROMISO INDIVIDUAL AOS ARGUMENTOS

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio