A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) considera un grave retroceso para a normalización da lingua galega a proposta do Consello da Xunta de modificar o artigo 35 do Decreto lexislativo 1/2008, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.
Así, a CTNL apoia a concentración convocada para este martes 23 de xuño ás 9.30 h diante do Parlamento galego polos sindicatos CIG, CCOO e UXT, e apoiada por outras entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística, coincidindo co debate e votación definitiva de proposta de retroceso lingüístico do goberno galego, logo da aprobación inicial a pasada semana cos votos do grupo parlamentario do PP.
Segundo as xustificacións da Xunta, a reforma proponse para garantir a liberdade lingüística dos/as opositores/as e para “posibilitar que a mobilidade dos cidadáns e das cidadás por todo o territorio nacional non se vexa limitada nin menoscabada por barreiras lingüísticas”. Ante estas xustificacións do goberno, a CTNL lémbralle que, para que os/as administrados/as poidan ter o dereito de usar o galego ante a administración, os/as traballadores/as desta teñen que ter a obriga de coñecer a lingua propia e oficial de Galiza, e que o coñecemento necesario de máis dunha lingua nunca é unha barreira; ao contrario, é unha porta aberta para a comunicación fluída con todos os cidadáns, no noso caso, cos que falan galego e cos que falan castelán. Se algunha “barreira” hai, é o descoñecemento, que nos impide comunicarnos como iguais. Daquela, a competencia nas dúas linguas cooficiais é un requisito tan válido para acceder á función pública como posuírmos unha licenciatura universitaria se queremos presentarnos a un posto do grupo A1, e non por isto dicimos que as persoas que non teñen unha licenciatura están discriminadas.
A entidade que agrupa os/as profesionais que traballan en normalización lingüística sinala tamén que a mellor maneira de demostrar a competencia en galego é utilizándoa de maneira práctica xa nos procesos selectivos, pois os certificados e validacións non son garante dun verdadeiro coñecemento práctico da lingua. Deste xeito, a CTNL sinala que unha persoa que non é quen de facer un exame en galego, dificilmente pode atender a unha persoa ou redactar un documento nesta lingua. Alén disto, os certificados non teñen que eximir de demostrar dunha maneira práctica os coñecementos, do mesmo xeito que, por exemplo, un veterinario non deixa de facer as probas prácticas do proceso selectivo a pesar de ter un título que acredita os seus coñecementos.
Por todo isto, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) pídelle ao goberno da Xunta, nomeadamente ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, que reflexione e retire a proposta, e a todos/as os/as parlamentarios/as galegos/as que non a apoien para non converterse nos responsábeis do primeiro paso atrás na defensa do galego na administración autonómica desde a restauración da democracia.