Representantes de Queremos Galego fixeron entrega esta mañá, no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza, de 4.530 sinaturas de profesores e profesoras que se adheriron á campaña “Dou e darei as clases en galego”. Coa súa sinatura o profesorado tamén manifesta explicitamente o seu rexeitamento ao decretazo.
Desde a plataforma cidadá púxose en marcha unha campaña de recollida de pronunciamentos a través dos que o profesorado declara explicitamente que está impartindo aulas en lingua galega e que se compromete a continuar exercendo ese dereito a prol da normalización lingüística.
A campaña púxose en marcha por mor do “decreto de plurilingüismo” prohibir a docencia de materias en lingua galega, nomeadamente as de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía, ademais de proscribir o galego na práctica en toda a educación infantil das cidades e principais vilas do país.
Para a Plataforma Queremos Galego, co apoio a esta iniciativa, o profesorado está a enviar á Consellaría de Educación a mensaxe de que só impartindo as aulas en galego será posíbel superar a situación de diglosia en que aínda nos atopamos e na que o galego segue a ser a lingua desfavorecida e a que está a perder falantes.
O profesorado que máis se implicou nesta campaña é precisamente o que tivo que procurar a súa formación para poder impartir as materias científico-técnicas en galego e que agora “vai sufrir en propia carne as consecuencias deste decreto porque se lle obriga a impartir a súa materia en lingua castelá”. Profesorado que en moitos casos, desafiou, no seu día, á ditadura franquista dando as aulas en galego ou cos que padeceron sancións, nos anos 80, por transmitir os seus coñecementos na nosa lingua.
“Este profesorado non vai aceptar expulsar, marxinar o noso idioma das aulas”, aseguraron e lembraron que o ensino está moi lonxe de que o 50% das súas materias se impartan en galego e “malia iso temos un decreto que pretende que o alumnado nin sequera remate os seus estudos con competencia para podela usar”.
Por iso, a Plataforma exixiu a retirada do decretazo contra o galego, a aplicación do actual decreto consensuado e aceptado pola comunidade educativa e o desenvolvemento do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG).
Alén desta campaña de “Dou e darei as clases en galego”, as organizacións sindicais CIG, CCOO, UXT e STEG están a promover unha campaña dirixida aos Consellos Escolares dos centros de ensino, co fin de que sometan a consideración un documento (.pdf) no que se rexeita o borrador de “Decreto de plurilingüismo”.
4.530 profesoras/es manifestan expresamente que dan e darán as clases en galego
Queremos Galego fixo entrega no Rexistro Xeral da Xunta de 4.530 sinaturas de profesores e profesoras que declararon explicitamente e por escrito que están a impartir aulas en lingua galega e que se comprometen a continuar exercendo ese dereito a prol da normalización lingüística