Falarase de lingua, pero non é un congreso nin un curso. Haberá música en directo, pero non é un concerto. Haberá poetas, e farannos rir. E asistirase mercando entrada, que xa están á venda ao prezo de 6 euros (na rede en www.salacapitol.com, e fisicamente na Tenda A Reixa, en Santiago. O mesmo día na billeteira custarán 10 €).
Un formato novo para falar do futuro da lingua e intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma lanzando propostas, mensaxes, experiencias e ideas. Terá lugar o mércores 25 de novembro, ás 18.30 h, na Sala Capitol de Santiago de Compostela.
En LGx15 intervirán Lara Tigre (presentadora do programa da Radio Galega Onda Vital, que falará do que tal hai na música galega), Xosé Lois Vilar (vendedor de froita e arqueólogo, un entusiasta do propio), Luís Iglesia (actor e dobrador. Sería o mesmo a lingua sen o audiovisual?), Xurxo Mariño (neurocientífico que lle dá voltas á relación entre cerebro, mente e lingua), Carmen Grimaldi (andaluza que vive na Coruña e que reflexiona sobre a nosa lingua e as súas circunstancias) e Manuel Núñez Singala (sociolingüista que procurará facer reflexionar sobre prexuízos).
A música virá da man de Xenderal, que levará o seu beatbox e o seu rap-reggae e da cantante amante das palabras e melodías Alba María. E todo conducido polas poetas e humoristas María Lado e Lucía Aldao.
Un cóctel en forma de evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e pensado para o entusiasmo, a diversión, a reflexión e o futuro do galego.
Nova en www.ctnl.gal