Proposta para o programa das eleccións municipais 2015
A normalización lingüística é un proceso social que procura a xustiza no ámbito sociolingüístico, para que os galegos e as galegas poidamos manter a visión do mundo desde a óptica que só nos pode dar a lingua propia do noso territorio. É responsabilidade de todos e de todas contribuírmos deste xeito a manter a diversidade e a riqueza lingüística e cultural do mundo, para que poidamos manter esas visións e chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí se lles deron.
Por iso, as administracións teñen a obriga legal e a responsabilidade social de apoiar e promover ese proceso e, así, deben implementar políticas lingüísticas activas, dinámicas e integradoras que poñan en valor a lingua propia e que fomenten o seu uso e prestixio en todos os ámbitos, para procurar que o galego se use con normalidade no comercio, no deporte, no asociacionismo, entre a mocidade, nas novas tecnoloxías, no ensino, na cultura, na comunicación, no lecer, nas empresas, nos parques, nos centros de saúde, etc.
Para desenvolveren e implementaren as súas políticas en calquera ámbito, os concellos dótanse de instrumentos técnicos. Así, para desenvolveren a política urbanística teñen departamentos de urbanismo; para desenvolveren as políticas culturais teñen departamentos de cultura; para desenvolveren as políticas sociais crean departamentos de servizos sociais… E no ámbito da política lingüística eses departamentos técnicos son os servizos de normalización lingüística (SNL).
Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), instamos a todas as organizacións políticas a incluíren no seu programa para as eleccións municipais de 2015, cando menos, o seguinte punto relativo á política lingüística desde o concello e complementario a outras propostas que se poidan ter para a normalización da lingua galega:
Poñer en valor a lingua propia e fomentar o se uso e prestixio en todas as accións do concello e en todos os ámbitos e sectores do municipio, para o que se creará [ou potenciará e consolidará, de ser o caso] un servizo de normalización lingüística (SNL) estable [ben propio, ben compartido con outros concellos (en caso de concellos pequenos)], dotado de recursos humanos e partida orzamentaria suficiente, e que planificará, xestionará e executará as accións e medidas axeitadas para o fomento do uso e prestixio do galego en todos os ámbitos sociais.