Bótalle un ollo a este texto e, se estás de acordo, cópiao (podes modificalo ou personalizalo) e envíao por correo electrónico a sxpl.formacion@xunta.es:
Ante o proxecto de orde da Secretaría Xeral de Política Lingüística pola que se quere obrigar o profesorado de secundaria a encargarse da docencia dos cursos de galego preparatorios para as probas Celga dentro do seu horario laboral (http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/Orde%20Educacion%20galego.pdf), teño que alegar:
-Para a normalización da lingua galega é necesario un equipo estabilizado de profesorado específico para a formación lingüística da poboación adulta, tanto xeral como de linguaxes específicas (xurídica, administrativa, empresarial, publicitaria, etc.) que atenda á nosa realidade, que teña como obxectivo a normalización da lingua galega e seleccionado seguindo criterios de capacidade, mérito, igualdade e publicidade.
-Nos últimos anos estívose a formar e preparar profesorado específico para a docencia dos cursos Celga, do que agora se quere prescindir, o que, ademais de ser un novo paso atrás para a lingua, supón unha xestión irresponsable e ineficaz dos xa escasísimos recursos de Política Lingüística. Supón tirar pola borda traballo, planificación, proxectos e recursos.
-É necesario un plan de formación lingüística xeral e específico para os ámbitos empresarial, asociativo, xurídico, das novas tecnoloxías, publicitario, deportivo, etc., cunha programación de cursos e coa preparación de materiais e recursos específicos, o que sería posible facer contando con ese equipo docente estable. Cómpre entender a formación lingüística de persoas adultas como un medio para incrementar o uso e prestixio da lingua galega.
-Organizar os cursos nos centros de formación de persoas adultas supón, ademais, limitar a unhas poucas localidades do país a formación en lingua galega e, polo tanto, afastala de moita xente.
Deste xeito, pídolle á SXPL que rectifique, paralice esta orde e atenda as demandas necesarias para a mellora do proceso de normalización da lingua galega.
[Tamén podes reenviar ou copiar e pegar este correo e pasarllo a outra xente, para que faga o mesmo…]