
Para o Nadal, para un aniversario, para o Día d@s Namorad@s, para unha amiga ou amigo, para levar algo cando te convidan a cear na casa de alguén, para o Día da Nai ou do Pai, para o Día de Rosalía, para quen queiras, para cando queiras. As ocasións para agasallar alguén son múltiples, e desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) queremos que en todas elas se teña en conta a lingua.
Para isto puxemos en marcha Agasallo.eu, unha plataforma dixital que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego de diverso tipo, para todas as idades e para todo tipo de acontecementos e épocas do ano.
No buscador de Agasallo.eu podes introducir criterios como o prezo, a idade da persoa que recibirá o regalo ou o tipo de produto en que pensas, e obterás unha primeira listaxe de ideas para ir concretando. De cada proposta tes información completa, e tamén información sobre como e onde conseguila, xa sexa acudindo fisicamente a unha tenda ou mercándoa a través da rede, nos casos en que sexa posible (directamente a través de Agasallo.eu non se vende).
TAMÉN SE PODEN CREAR AUTOMATICAMENTE CATÁLOGOS DISTRIBUÍBLES
En Agasallo.eu tamén se poden crear revistas en .pdf. Esta é unha opción moi boa para que centros de ensino, asociacións, empresas, entidades…, poidan facer unha selección ao seu gusto, personalizala e difundila.
O sistema permite crear unha escolma de propostas de regalos en galego nun catálogo no que se poden escoller o estilo e deseño, poñerlle un título e incluso engadirlle un logo ou imaxe, para despois poder ser distribuído como se queira, imprimilo en A4, envialo por correo electrónico ou subilo a unha páxina web.
Agasallo.eu é unha proxecto que está desenvolvido pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e que naceu do Viveiro de propostas normalizadoras, igual que o fixo, por exemplo, a campaña Gústame o galego. Para o seu desenvolvemento contouse con colaboración económica da Xunta de Galicia. Na plataforma tamén colaboran coa difusión e implicación de empresas outras entidades, como a Asociación Galega de Editores (AGE) ou Abertos ao Galego, da Mesa pola Normalización Lingüística.
O web nace cunha serie de propostas e empresas participantes, que se irán actualizando e incrementando nos vindeiros días.