Temos estes días unha apertada axenda en Pontevedra, onde vos agardamos a todas e a todos!
De venres a domingo estaremos co noso stand en Culturgal, para difundir a CTNL, o noso traballo, o traballo de cara o incremento do uso e prestixio da lingua galega que facemos todas e todos os membros da CTNL. Pasa por alí facer unha visitiña, eh!
E o sábado, no propio Culturgal, temos dúas citas importantes:
Agasallo.eu – Sábado 30, ás 12.45 h
Pola mañá, ás 12.45 h, faremos a primeira presentación da plataforma dixital de propostas de regalos en galego Agasallo.eu. Esta presentación está especialmente dirixida a empresas, profesionais, membros de servizos de normalización lingüística (SNL) e equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL). A plataforma Agasallo.eu, na que levamos xa un tempo traballando, estará operativa a comezos de decembro. Cando o estea, anunciarémolo convenientemente, mais, este sábado, xa podes vela e coñecela en exclusiva, ver as súas funcionalidades e potencialidades, o seu deseño, a súa xestión… Agardámoste!
Gústame o galego – Sábado 30, de 17.00 h a 21.00 h
E a nosa campaña Gústame o galego está de aniversario! Para celebralo, o fotocol volve ao Culturgal xusto o día que cumpre un ano! Este sábado 30, de 17.00 h a 21.00 h. Agardámoste para facer unha foto, turrar das orellas e soprar as candeas ;-)
E a axenda da CTNL xa comeza o xoves 28, pois imos recoller o premio que lle foi concedido á campaña Gústame o galego por parte do Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL), o Premio Xoán Manuel Pintos polo fomento do galego, que tamén lle foi concedido á editorial Kalandraka.
O acto comezará ás 20.30 h no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais de Pontevedra (CITA). Nel intervirá o trío Pi Grao e tamén estás convidad@!
Pois iso, vémonos en Pontevedra! ;-)