Cres que unha imaxe vale máis ca mil palabras? Pois nós non!, mais a imaxe é tamén moi importante para transmitir e a comunicación audiovisual é fundamental para a normalización da lingua, para transmitir mensaxes a prol do galego, para difundir accións e actividades de cara ao incremento do uso e prestixio do noso idioma.
E, de maneira moi sinxela, desde os servizos de normalización lingüística, desde equipos de normalización ou desde asociacións, pódense facer vídeos básicos con esa finalidade, pensados sobre todo para difundir a través da rede, e sen máis necesidades ca unha pequena cámara ou incluso un teléfono móbil.
Por este motivo, para aproveitar este potencial e para podermos crear vídeos básicos con moi poucos medios para campañas, anunciar actividades, difundir mensaxes a prol do galego, etc., desde a CTNL organizamos este obradoiro.