[199] Participas desta volta no Viveiro?

A CTNL fai un novo chamamento para recoller ideas, maduralas e poñer a andar proxectos normalizadores de maneira colaborativa... A vindeira xuntanza do Viveiro de propostas normalizadores terá lugar o 29 de maio e podes anotarte ou enviar propostas ata o día 25. Anímaste a participar? Seguro que tes por aí unha ideíña ben xeitosa que coa colaboración doutras persoas será máis sinxelo levar adiante...

Información completa no web da CTNL >

PRESENTACIÓN

Coa finalidade de que nazan proxectos de todo tipo para fomentar o uso, presenza e prestixio do galego, a CTNL creou o ano pasado o Viveiro de propostas normalizadoras, un espazo de intercambio de ideas e traballo conxunto para que persoas que traballan na normalización lingüística poidan madurar e desenvolver propostas e proxectos. A idea era que deste espazo ou laboratorio nacesen e se puidesen desenvolver actividades, accións, campañas, obradoiros, produtos normalizadores, etc., e así foi, pois coa colaboración de persoas diversas e o intercambio de visións, as cousas saen mellor. Desde a CTNL consideramos que foi unha iniciativa produtiva e por iso volvemos facer unha convocatoria este ano.

DESENVOLVEMENTO

Desde a CTNL convocamos unha xuntanza na que se pode participar tanto presentando ideas como asistindo para coñecelas coa intención de colaborar nalgunha(s). A partir de aí, créase un grupo de traballo para cada un dos proxectos que estará formado por todas as persoas interesadas en colaborar no seu desenvolvemento e coordinado pola persoa que o propuxo.

CANDO VAI SER A XUNTANZA?

A xuntanza inicial do Viveiro para presentar e coñecer as propostas terá lugar o mércores 29 de maio ás 17.30 h na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela (aula 9).

QUERO PARTICIPAR! COMO FAGO?

Moi sinxelo. Abonda con que envíes un correo electrónico ao enderezo viveiro@ctnl.org ata o 25 de maio:

-PARA PRESENTAR UNHA INICIATIVA: debes descargar esta ficha e enviala cuberta con toda a información que se pide, para explicar ben en que consiste a túa proposta (descrición, obxectivos, explicación, destinatarios/as, necesidades, proposta de xestión, prazos, etc.).

-SÓ PARA ASISTIR Á XUNTANZA E COÑECER INICIATIVAS, MAIS SEN PRESENTAR NINGUNHA PROPIA: debes enviar un correo dicindo que queres participar e indicando o teu nome e apelidos, enderezo-e e dicindo a que te dedicas.

O día 27 de maio enviaránselles a todas as persoas anotadas as descricións de todas as propostas presentadas.

A XUNTANZA

Cada persoa que presenta un proxecto disporá duns 5 minutos para presentalo, explicar os seus obxectivos, unha proposta de desenvolvemento e todo aquilo que considere oportuno. Para facelo poderá botar man dun ordenador, proxector, etc. que xa hai na aula. A continuación, en 10 minutos como máximo, as demais persoas participantes poderán facer preguntas, comentarios, achegas, presentar ideas, dúbidas, etc.

Ao final, cada persoa sumarase ao(s) proxecto(s) que queira e pasará a formar parte do seu grupo de traballo para contribuír ao seu desenvolvemento. O coordinador ou coordinadora dese grupo será a partir dese momento a persoa que propuxo o devandito proxecto.

Co obxectivo de publicitar as propostas e conseguir que máis persoas colaboren con elas, os días posteriores á xuntanza publicaranse no web da CTNL as fichas de cada proposta presentada.

DESENVOLVEMENTO DOS PROXECTOS

Iso vai depender da dinámica proposta pola persoa impulsora/coordinadora de cada grupo de traballo creado e dos seus participantes. Desde a CTNL favorecemos ese primeiro contacto e o intercambio de ideas mais a partir dese momento os proxectos son do/a seu/súa impulsor/a e do grupo de traballo que o desenvolva.

En calquera caso, a CTNL poderá asumir ou participar naqueles que se lle propoñan e que desde a directiva se consideren oportunos para a participación ou para seren asumidos pola CTNL, de acordo coas finalidades da propia asociación.

Así mesmo, a CTNL fará un seguimento de cada proxecto contactando co seu impulsor ou impulsora e poderá asesorar, na medida do posible, os/as promotores/as e grupos de traballo. Ademais, se for o caso, difundirase cada unha das propostas a través do web, redes sociais, correo electrónico, etc. de acordo cos/coas promotores/as e indicando que é un proxecto nacido neste viveiro de ideas da CTNL.

Que, anímaste a participar? Seguro que tes por aí unha ideíña ben xeitosa que coa colaboración doutras persoas será máis sinxelo levar adiante…

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Lingua vital xa!

Lingua vital xa! Paremos a emerxencia lingüística

Scroll ao inicio