Na asemblea xeral que desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) celebramos o sábado 2 de marzo en Santiago de Compostela aprobáronse por unanimidade o informe de xestión da directiva, o informe de contas, o orzamento para o vindeiro exercicio e as liñas de acción.
No proxecto de accións aprobado (pódese descargar aquí en .pdf) destaca a defensa dos intereses xerais do traballo en normalización, as accións formativas e as propostas para facer máis efectivo o traballo a prol da normalización da lingua.
Deste xeito, está previsto procurar unha maior visibilización do traballo que se desenvolve a prol do galego, facendo ver a súa necesidade, e visibilizando tamén o apoio social ao proceso de normalización lingüística. Tamén se realizarán propostas que procuren mellorar a situación deste traballo.
No que se refire a promover a formación no eido da normalización, desde a CTNL está previsto organizar directamente varios obradoiros prácticos, como de creación de vídeos, de redacción de notas de prensa, de deseño e maquetación básica de folletos e carteis ou de comunicación efectiva a través do correo-e. Tamén está previsto seguir colaborando co curso de verán de dinamización lingüística da Universidade da Coruña e publicar algúns documentos e materiais formativos.
E, no tocante a propostas para facer máis efectivo o traballo a prol da normalización da lingua e á colaboración en accións para o fomento do galego, aprobouse a proposta para crear un premio a accións, programas, proxectos, etc., de normalización lingüística, a colaboración na posta en marcha da plataforma d-Lingua, ou a continuidade do proxecto do Viveiro de propostas normalizadoras. Tamén diferentes accións para unha mellor e maior implicación das administracións públicas no proceso de normalización, a colaboración e desenvolvemento de diversos encontros e a continuidade ou posta en marcha de accións de fomento do galego, como Gústame o galego, a creación dunha plataforma de propostas de agasallo en galego ou unha acción para a visibilización do galego na prensa.
A Asemblea da CTNL tivo lugar na Nave de Vidán, en Santiago de Compostela, onde tamén estivo o posadoiro de Gústame o galego e onde celebramos un xantar de confraternidade lingüística.
Pódese ver unha reportaxe fotográfica da asemblea e xantar aquí >