Desde a CTNL considérase que os orzamentos da Xunta para 2013 demostran que o goberno só está disposto a dar pasos atrás no fomento da lingua, e faino, ademais, de xeito brutal.
Fortes recortes en todas as partidas: concellos, formación, campañas, ensino…
Practicamente todas as accións da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) sofren un fortísimo recorte, que nalgúns casos superan o -60% con respecto ao ano pasado e o -90% con respecto a 2005. Así, por exemplo, con respecto a 2012 redúcense drasticamente partidas como as destinadas a campañas de normalización (-48,5%) –que é coa que se financian as actividades dinamizadoras–, a accións formativas (-29%) –coa que se financian os cursos e exames de galego Celga, necesarios para o acceso laboral–, a proxectos do ensino (-25%), etc. E estas caídas son moito máis brutais aínda se se comparan co ano 2005: -52,4% para accións formativas, -46,8% para a administración local, -55,9% para centros educativos, -79,2% para editoriais ou -92,4% para entidades sen fin de lucro. [Véxanse datos e comparativas aquí (.pdf)]
O desmantelamento é tal que os recursos de 2013 son un terzo dos de hai 20 anos
Os orzamentos de Política Lingüística de 2013 (5,7 millóns €) son en máis dun 66% inferiores aos de 1993 (17,2 millóns €), tamén época de crise económica e recesión. Así, mentres no ano 1993 o goberno lle dedicaba á lingua galega o 0,43% do total dos orzamentos da Xunta, o goberno de Feijóo só lle quere dedicar menos da sétima parte diso, o irrelevante 0,06%. Se neste ano se lle dedicase á lingua a mesma porcentaxe orzamentaria de hai 20 anos, a cifra que lle correspondería tería que ser próxima aos 40 millóns de euros, cando a realidade é que non chega aos seis.
Inxustificable perda de peso e de visibilidade de Política Lingüística
Este duro golpe ao galego efectúao o goberno despois de confirmar que a Secretaría Xeral de Política Lingüística volverá estar relegada na Consellería de Cultura e Educación, sen posibilidade efectiva real de acción transversal en todos os ámbitos e sectores, como o empresarial, as novas tecnoloxías, a xustiza, a administración pública ou a sanidade. Deste xeito, cada vez é máis evidente o desmantelamento que o goberno fai do fomento do galego, e na actualidade incluso oculta cada vez máis o nome da propia Secretaría Xeral de Política Lingüística detrás da etiqueta “Educación e Cultura” en notas de prensa, comunicados, actos, etc.
Por todos estes motivos, desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) pedimos que este proxecto de orzamentos sexa modificado durante o trámite parlamentario e non se desmonte así o xa precario traballo a prol do principal elemento que nos une como galegos e galegas, a nosa lingua propia.