[164] Traballarmos en dinamización lingüística. Unha guía para mellorar o traballo de dinamización da lingua galega

A CTNL publica, dentro da colección Documentos CTNL, Traballarmos en dinamización lingüística. Unha introdución, da autoría de Isabel Vaquero, unha guía que contextualiza a dinamización dentro da planificación lingüística, que analiza actuacións dinamizadoras e que ofrece unha metodoloxía de traballo

Traballarmos en dinamización lingüística. Unha introdución é unha publicación que procura situar a dinamización no eido da planificación lingüística e dentro do proceso de normalización, que trata o concepto de dinamización lingüística, que analiza as actuacións de dinamización e que ofrece unha metodoloxía de traballo.

Na primeira parte, esta nova publicación da colección Documentos CTNL, da autoría da Isabel Vaquero, localiza a dinamización dentro da planificación lingüística, define os seus obxectivos, diferenza entre actuacións de sensibilización e de promoción e trata outros conceptos como conflito lingüístico ou normalización.

Nunha segunda parte define a dinamización lingüística e analiza os seus contidos, para logo, xa na terceira parte, analizar actuacións, usando para isto exemplos concretos e diferenciando entre actuacións para a sensibilización e actuacións para a promoción de ámbitos de uso, ademais de dedicarlle un apartado específico ás campañas. Neste terceiro apartado fálase de actuacións para desmontar prexuízos, do discurso, dos modelos alternativos de referencia, do estabelecemento de redes, ou da eficacia das actuacións.

Finalmente, no cuarto apartado, ofrécese unha metodoloxía de traballo, situándoo dentro dunha planificación, dando claves sobre a participación e analizando as fases de planificación, execución e seguimento e avaliación.

Coa edición deste documento a CTNL pretende facer máis eficiente o traballo de cara ao incremento do uso e do prestixio da lingua galega e pode ser, sen dúbida, unha ferramenta útil para as persoas que traballen en servizos de normalización lingüística, equipos de normalización de centros de ensino, asociación, entidades públicas, etc.

A autora

Isabel Vaquero Quintela é, desde hai anos, responsábel da Área de Dinamización Lingüística do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Foi secretaria e na actualidade vogal da CTNL, e foi tamén coordinadora lingüística de galego21 (localización de software). Fixo diversas achegas relacionadas coa normalización e dinamización lingüística, entre as que se pode destacar “Os servicios de normalización lingüística: propostas básicas de funcionamento”, xunto con Socorro García Conde (Cadernos de Lingua 14, 1996), ou Da periferia á rede, xunto con Daniel Romero (Xerais, 2001).

A colección

Documentos CTNL é unha colección de documentos electrónicos que naceu co obxectivo de elaborar, compilar e difundir materiais de referencia para o apoio, análise e proposta sobre o traballo en normalización lingüística. O primeiro número foi Revisar a corrección. Obxectivos e métodos para unha reparación textual eficiente nos servizos de normalización lingüística, de Manuel Bermúdez.

Descarga o documento completo en .pdf [2,31 MB]

Traballarmos en dinamización lingüística. Unha introdución, Isabel Vaquero Quintela

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio