A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), a entidade que agrupa os/as técnicos/as de normalización lingüística, non acudirá ao acto de constitución da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta, que terá lugar o venres 28 de outubro. Así llo fixo saber o seu presidente, Nel Vidal, ao conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, mediante unha carta na que se argumentan os motivos polo que non asistirán.
Segundo a CTNL, representantes desta entidade participaron, xunto con técnicos/as da propia Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), nun grupo de traballo que acordou “por unanimidade” as liñas básicas para a constitución desa Rede, mais a SXPL decidiu unilateralmente non respectalas, polo que “esa Rede non conta co aval dos técnicos nin das técnicas de normalización lingüística”.
A REDE DESPREZA O TRABALLO DOS SNL
Ademais, sinalan desde a CTNL, “a Rede despreza os servizos de normalización lingüística (SNL)”, pois “non é necesario que os concellos conten con SNL para formar parte dela” e incluso “hai concellos que, aínda tendo SNL, nomean representantes técnicos/as neste órgano a traballadores/as do concello distintos do/a técnico/a de normalización lingüística, como un auxiliar administrativo ou un técnico de Deportes, como nos consta que ocorre nalgúns casos, desprezando así o traballo dos SNL”. Deste xeito, desde a CTNL pregúntanse “quen vai planificar, xestionar e executar o traballo de dinamización da Rede?”.
SUSPENSIÓN DAS AXUDAS PARA A PROMOCIÓN DA LINGUA NOS CONCELLOS
Os traballadores e as traballadoras de normalización sinalan tamén que “non ten ningún tipo de sentido, e é totalmente incoherente, que con esta Rede se pretenda, supostamente, apoiar e colaborar coas entidades locais na promoción da lingua, ao mesmo tempo que lles retira a estas as xa moi escasas e precarias axudas que se viñeron convocando desde hai 20 anos”, en referencia á suspensión en 2011 das axudas para o fomento do galego na administración local.
INFORME DA CTNL
Ademais, nun informe que xa data de novembro de 2010, a CTNL acusa á SXPL de “exercer un excesivo control sobre os órganos da Rede, que lle permite tomar as decisión que queira en nome de todos os membros”. Este informe foille remitido á SXPL xa en 2010 e pódese consultar aquí