
Resolucións da Asemblea
Os/a traballadores/as de normalización lingüística consideran o seu traballo como “xusto e ilusionante”, xa que o que procuran é “que poidamos chamarlles ás cousas cos nomes xenuínos que aquí se lles deron, e para que poidamos facelo, ademais, con total normalidade”.
Deste xeito, nas resolucións que na asemblea aprobaron por unanimidade pídenlles a todas as administracións públicas galegas e, nomeadamente, á Xunta de Galicia, que “asuman a obriga e responsabilidade de proxectar publicamente e promocionar o uso e prestixio do galego nas súas accións, campañas, intervencións públicas, etc.”, e que “asuman os obxectivos normalizadores acordados consensuadamente”.
Responsabilidade e medidas de apoio á lingua para as eleccións de maio
De cara ás próximas eleccións municipais do mes de maio, instan “a todas as organizacións políticas a que sexan responsábeis no debate sociolingüístico”, para o que lles piden responsabilidade e “que non utilicen críticas nin ataques ao proceso de normalización da lingua galega de xeito electoralista”. Tamén lles solicitan “que incorporen nos seus programas medidas de apoio á lingua galega”, entre as que salientan a creación ou consolidación de Servizos de Normalización Lingüística.
Liñas de acción da CTNL para 2011
Na Asemblea, a CTNL aprobou por unanimidade as liñas de acción para 2011, nas que se inclúen a defensa dos intereses xerais dos/as traballadores/as de normalización da lingua, o desenvolvemento de diversas accións formativas e encontros, a elaboración de propostas para mellorar o proceso de normalización e o seguimento da política lingüística das distintas administracións.
Continuidade da Xunta Directiva
Con respecto ao equipo directivo, continúa como presidente Nel Vidal, como secretaria Rosa Moreiras e como tesoureira Anxos Sobriño. Nos vogais só houbo un cambio, coa incorporación de David Cobas en substitución de Concha Diéguez. Polo demais, continúa Iván Méndez, Dores Sánchez, Anxo Otero, Pepe Blanco e Isabel Vaquero.



