[107] Convocatoria de cursos Celga para 2011

Abriuse o prazo para a solicitude de realización de cursos preparatorios en 2011 para a obtención dos Celga, tanto por parte de colectivos como por parte de persoas particulares. A Secretaría Xeral de Política Lingüística non ten en conta, unha vez máis, as propostas de mellora realizadas pola CTNL e a convocatoria presenta numerosos problemas Podes consultar a información completa no web da CTNL >
Datos xerais da convocatoria

Datos xerais da convocatoria

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publicou no DOG do 19 de xaneiro a Resolución pola que se anuncian 140 cursos de lingua galega (45 menos que en 2010) preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, tanto para particulares (persoas adultas) como para colectivos, no ano 2011.

DESTINATARIOS

Colectivos que desexen organizar cursos de lingua galega e que conten cun mínimo de 20 persoas preinscritas ou persoas particulares que desexen participar nalgún dos 58 cursos programados que figuran na convocatoria, e que terán lugar en 18 localidades

PRAZO PARA O DESENVOLVEMENTO DOS CURSOS

Teñen que finalizar antes do 16 de xuño de 2011

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

O prazo remata o 28 de febreiro

DOCUMENTACIÓN NECESARIA

– Colectivos: anexo de solicitude e listaxe de persoas preinscritas (apelidos, nome e número de documento de identidade).

– Particulares: anexo de solicitude

CONVOCATORIA COMPLETA, ANEXOS E CURSOS PROGRAMADOS

A convocatoria foi publicada no DOG do 19 de xaneiro de 2011 e pode descargarse en formato .pdf aquí >

Outros cursos Celga convocados á parte

Outros cursos Celga convocados á parte

Ademais destes cursos, a mesma Consellería de Educación convocou á parte, a través das escolas oficiais de idiomas, outros cursos Celga que terán lugar nas EOI de Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo.

Nestoutra convocatoria figuran tamén cursos de linguaxe administrativa de nivel medio e superior que terán lugar nas EOI de Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Para estoutra convocatoria, os prazos de solicitude son os seguintes:

– Para a quenda de cursos de febreiro/marzo: até o 3 de febreiro de 2011

– Para a quenda de cursos de outubro: do 1 ao 20 de setembro de 2011

Info completa sobre estoutra convocatoria aquí >

Falta de planificación, recortes e desconsideración dos SNL

Falta de planificación, recortes e desconsideración dos SNL

A pesar de que xa en outubro de 2009 a CTNL fixo unha proposta para corrixir os numerosos problemas que había na convocatoria dos cursos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística fíxolle caso omiso, non corrixiu as eivas e non tivo en conta, un ano máis, as propostas feitas.

Deste xeito, nos próximos días a CTNL enviaralle á SXPL unha reclamación na que se lle solicitará a modificación desta convocatoria, xa que presenta moitos problemas básicos que terían que ser corrixidos, como por exemplo:

  • Falta de planificación, xa que, por un lado, hai cursos que se deixan á petición de “colectivos”, e por outro organízanse unha serie de cursos de programación directa en concellos que arbitrariamente decide a Secretaría Xeral de Política Lingüística sen unha planificación territorial previa cuns criterios minimanente claros e, nalgúns casos, sen sequera contacto previo con eses concellos.
  • Descoordinación total na programación dos cursos por parte da Consellería de Educación, que nunha mesma semana fai dúas convocatorias distintas de cursos preparatorios para os Celga, en moitos casos nos mesmos lugares, épocas e horarios. Esta dobre convocatoria supón, por un lado a duplicación de procedementos e prazos de inscrición e a dispersión da oferta e da información, e por outro, que haxa cursos preparatorios para uns exames que non teñen en conta as datas deses exames.
  • Desconsideración absoluta dos servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos que, na práctica, son quen maioritariamente xestionan e difunden os cursos e a inscrición das persoas participantes. Non hai ningún contacto nin coordinación previa cos SNL e nin sequera se teñen en conta na convocatoria. Os SNL dos concellos teñen que solicitar eses cursos ao mesmo nivel que unha entidade privada que puntualmente quere organizar un curso para os/as seus/súas socios/as ou membros, o que non é xusto, pois os cursos xestionados desde os SNL ofrécenselles á cidadanía en xeral, organízanse desde unha administración pública e procuran ter continuidade ao longo dos anos dentro dunha planificación.
  • Falta de garantías na realización dos cursos para colectivos: aínda que un concello ou colectivo abra agora un prazo de preinscrición e se anoten un mínimo de 20 persoas, estas non teñen ningunha garantía de que ese curso finalmente se realice. Xa que logo, non ten sentido que os SNL teñan que previamente programar un curso e inscribir xente para que logo a SXPL lle diga se realmente vai haber ese curso ou non.
  • Inexistencia dun certificado de asistencia aos cursos que recoñeza as horas de formación nas que se participa.
  • Competencia lingüística desigual do alumnado: para participar nun curso dun determinado nivel non é necesario nin facer unha proba de nivel nin acreditar coñecementos ou a obtención de niveis previos, o que provoca que o nivel do alumnado de cada aula sexa moi dispar, coa conseguinte dificultade que isto implica para o eficiente desenvolvemento da docencia.

Ademais, o feito que só haxa unha convocatoria de exames no mes de xuño –e non dúas, como nos anos anteriores, cando había unha en maio e outra en novembro–, provocaralles graves prexuízos a persoas que suspendan nesa convocatoria, xa que terán que agardar un ano enteiro para teren outra oportunidade de obter un certificado de lingua galega, o que pode suporlles problemas en procesos selectivos, concursos de traslados, listaxes de contratación, etc.

Podes consultar a información completa no web da CTNL >

VI PREMIOS MIL PRIMAVERAS

Premios 1000 Primaveras

En defensa do traballo xusto e ilusionante dos servizos de normalización lingüística (SNL)

Asociate na CTNL

A CTNL no Youtube

A CTNL no Youtube

Queremos galego!

kit para a normalización en rede

Kit para a normalización en rede

Scroll ao inicio