
O web que centralizará toda a información de interese no proceso de normalización lingüística
No novo web da CTNL, entidade creada en 1996 e que agrupa á gran maioría dos traballadores e das traballadoras de normalización da lingua, difundirase toda a información relevante para o proceso de normalización lingüística: accións de promoción lingüística desenvolvidas por diversas entidades e organismos; convocatorias de axudas e subvencións relacionadas co uso do galego; convocatorias de cursos, xornadas, congresos, etc. que teñan que ver coa lingua; premios e concursos; información sobre novos recursos lingüísticos e publicacións; ofertas de emprego e bolsas; actividades relevantes de servizos de normalización lingüística e doutras entidades que traballan a prol da lingua; etc. Ademais, tamén se difundirá toda a actividade da CTNL: accións, propostas, cursos, reclamacións, denuncias, análises, etc.

Entrevistas, opinións e análises sobre lingua
Este novo espazo na rede pretende ir Máis alá, polo que no apartado do web que leva ese nome serán publicadas periodicamente artigos de opinión sobre a defensa e promoción da lingua galega, o seu estatus, a lexislación e os dereitos lingüísticos, a política da lingua, etc.
Mensualmente tamén se publicarán entrevistas con diferentes persoas relacionadas co mundo da lingua. De especial interese serán as análises que periodicamente se publicarán sobre accións de normalización, campañas, proxectos, publicacións ou ferramentas para a lingua, etc.
Deste xeito, o web comeza cunha entrevista ao profesor da USC, sociolingüista e director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), Henrique Monteagudo, feita por Concha Diéguez (“O avance en política lingüística nesta lexislatura foi mínimo, a actuación é continuísta”); cun artigo de opinión do presidente da CTNL, Nel Vidal Barral (“Do bilingüismo harmónico ao bilingüismo integrador. Política lingüística aquí e agora“); e cunha análise do Dicionario de Galego en rede Ir Indo (www.digalego.com), feita por Luz Cures Vázquez (O Digalego, unha nova ferramenta para a tradución e para uso escolar).
Completa información e numerosa documentación
Ademais, nos diferentes espazos do web poderase acceder a completa información e a numerosa documentación de interese para o traballo en lingua:
- A CTNL é [aquí]: presentación, obxectivos, estatutos e historia da CTNL
- O Andel da CTNL [aquí]: apartado que alberga estudos e análises, manifestos e escritos, materiais, propostas, etc.
- A CTNL formámola: información sobre a Xunta Directiva, sobre quen forma parte da CTNL, información para asociarse, etc.
- Recursos na rede
- Etc.
En definitiva, un completo web sobre lingua aberto, dinámico, práctico, funcional e participativo no que se pretende centralizar toda a información de interese no proceso de normalización da lingua galega e no que todo o mundo está convidado a participar.